Saltar ao contido principal
Memoria 2019

3.2.1. Evolución de ingresos por Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas

Os ingresos por IRPF medraron en 2019 un 4,9 por cento, aínda que sen os cambios normativos e de xestión que afectaron ao imposto o crecemento fose do 8,2 por cento. Os dous compoñentes que mellor explican a evolución do imposto son as retencións do traballo e a cota que hai que ingresar da declaración anual.

Os ingresos por retencións sobre rendementos do traballo e actividades económicas medraron un 5,4 por cento en 2019, un 6,5 por cento se se elimina o impacto dos cambios normativos. En xeral, a tendencia foi cara á moderación (ata a metade do ano o crecemento acumulado era do 5,9 por cento), pero con diferentes fases e con distinta intensidade no sector privado e no público. No sector privado os ingresos aumentaron un 5 por cento mentres que nas AA . PP. a taxa foi do 6,5 por cento.

Canto aos resultados da declaración anual (correspondente ao exercicio 2018, liquidado en 2019), os ingresos medraron un 14,1 por cento, a pesar de que algunhas das medidas (ampliación das deducións familiares e devolución das retencións practicadas ás prestacións de maternidade en 2018) actuaron negativamente (sen elas o crecemento destes ingresos elevaríase por riba do 18 por cento.

No referente ao resto de conceptos, destacan catro elementos: o crecemento dos pagamentos fraccionados a un ritmo similar ao rexistrado nos dous anos anteriores (7 por cento); o aumento, por segundo ano consecutivo, das retencións por rendas de capital (4,2 por cento), a pesar da nova diminución nos intereses por contas bancarias; a estabilización dos ingresos por retencións sobre ganancias patrimoniais procedentes de fondos de investimento tras o forte descenso do ano pasado; e a redución dos ingresos no Gravame de Lotarías (-15,2 por cento), a maior parte da cal non se xustifica pola elevación do limiar de tributación.

Evolución de ingresos por Imposto sobre Sociedades

Os ingresos do Imposto sobre Sociedades diminuíron no ano 2019 un 4,4 por cento debido ás devolucións extraordinarias realizadas; sen elas, a recadación aumentaría un 0,5 por cento. Xunto ás citadas devolucións, o feito máis destacado foi o considerable descenso dos pagamentos fraccionados (-6,3 por cento), baixada que se concentra no segundo pagamento e que se explica, fundamentalmente, polo comportamento excepcional de cinco grandes grupos. A caída compensouse co crecemento do 10 por cento nos ingresos procedentes da declaración anual de 2018, liquidada en 2019, e polo menor importe das devolucións realizadas en 2019 correspondentes á campaña 2018.