Saltar ao contido principal
Memoria 2019

4.3.4. Subministración inmediata de información (SII)

O 1 de xullo de 2017 comezou a aplicarse un novo sistema de xestión do IVE, baseado na Subministración Inmediata de Información (SII). Este sistema, obrigatorio para determinados contribuíntes e opcional para o resto, supuxo unha transformación radical na tramitación do imposto, tanto desde o punto de vista da asistencia como do control.

O SII non só é unha nova ferramenta de asistencia ao contribuínte, senón tamén unha importante ferramenta de axuda á prevención da fraude tributaria. Desde o punto de vista da asistencia, nunha primeira fase, facilítanse ao contribuínte as imputacións que se deduzan da información que aparece nas bases de datos da Axencia Tributaria e, nunha segunda fase, proporcionarase unha axuda para a elaboración da autoliquidación de IVE.

O SII permite efectuar o contraste de facturas, tanto de IVE soportado coma de IVE reportado. O alto grao de cumprimento dos contribuíntes no rexistro de ambos os dous tipos de facturas permitirá á Axencia Tributaria determinar cales son os contribuíntes con maior ou menor cumprimento tributario e, polo tanto, minimizar para aqueles contribuíntes con porcentaxes de cumprimento máis elevados os inconvenientes provocados polos procedementos de comprobación, así como axilizar o pagamento das devolucións mensuais de IVE.

A utilización do SII permitiu reducir o tempo medio de tramitación de devolucións de contribuíntes do SII sen riscos, que foi en 2019 de 16 días.

Ademais, a calidade da información recibida viuse enormemente incrementada.