Saltar ao contido principal
Memoria 2021

4.2.1. Control sobre tributos internos

As actuacións de control sobre tributos internos engloban as seguintes actuacións, excluíndo os referentes a impostos especiais, ambientais e os que recaen sobre o comercio exterior:

  • Actuacións inspectoras sobre tributos internos.

  • Control xestor sobre a xeneralidade dos contribuíntes e control sobre contribuíntes incluídos no sistema de tributación por módulos.

  • Control xestor sobre grandes empresas.

As actuacións de control inspector teñen por finalidade detectar e regularizar os incumprimentos máis complexos e perseguir as formas máis sofisticadas de fraude. O seu carácter selectivo faias recaer sobre os contribuíntes que presentan un risco fiscal máis elevado.

Estas actuacións son realizadas polos órganos das Delegacións Especiais e polos órganos da Delegación Central de Grandes Contribuíntes que teñen encomendado o desenvolvemento da inspección tributaria.

A súa realización ten un gran compoñente investigador e require, en xeral, unha revisión exhaustiva da situación tributaria do contribuínte obxecto de actuación inspectora, para o cal os órganos que as levan a cabo están dotados das máis amplas facultades que a normativa atribúe á Administración Tributaria.

O control xestor ten por finalidade a detección e corrección de erros e incumprimentos menos complexos e caracterízase porque se dirixe á xeneralidade de contribuíntes con ocasión de campañas anuais, con forte apoio na información dispoñible e no sistema informático que a analiza. Refírese a obrigas individualmente consideradas, está baseado en controis formais e de tipo documental, sen revisión da contabilidade mercantil do contribuínte, e é realizado normalmente desde as propias oficinas.

O control xestor realízase polos correspondentes órganos das Delegacións Especiais, da Delegación Central de Grandes Contribuíntes e, se é o caso, da Oficina Nacional de Xestión Tributaria.

Canda estes controis, compútanse as actuacións xestoras sobre as grandes empresas, que son aquelas cuxo volume de operacións supera a cifra de 6,01 millóns de euros durante o ano natural inmediato anterior, calculado conforme ao artigo 121 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, o que determina que teñan unhas obrigas fiscais específicas e distintas do resto dos obrigados tributarios.

Estas actuacións realízanse polos órganos da área de Inspección Financeira e Tributaria, a través das Unidades de Xestión de Grandes Empresas (UGGES) no ámbito das Delegacións Especiais, así como polas Unidades de Xestión e a Unidade de Control Tributario e Aduaneiro, integradas respectivamente na Dependencia de Asistencia e Servizos Tributarios e na Dependencia de Control Tributario e Aduaneiro da Delegación Central de Grandes Contribuíntes.

As actuacións de control xestor sobre as grandes empresas son, entre outras, a comprobación das devolucións previstas na normativa tributaria e a realización de actuacións de verificación de datos e de comprobación limitada que poden dar lugar ás subseguintes liquidacións.

Canda as anteriores actuacións de comprobación tamén se inclúen neste indicador as actuacións de investigación e as de carácter auxiliar.

En 2021 desenvolvéronse case 1,8 millóns de actuacións de control de tributos internos, un 10,4% máis que o ano anterior. Desa cifra global de comprobacións, 36.599 actuacións programadas, un 23,8% máis, dirixíronse a grandes empresas, multinacionais e grupos fiscais, patrimonios de persoas físicas, abusos societarios e economía mergullada, consumindo este tipo de actuacións un elevado número de recursos, caracterizados, ademais, pola súa alta cualificación.

O incremento no número global de actuacións con respecto a 2020 obedece principalmente a que, pese á dificultade de realización das visitas presenciais aos contribuíntes como consecuencia da pandemia, apréciase unha tendencia clara á recuperación dos niveis correspondentes ás actuacións da Axencia Tributaria neste ano 2021, sen esquecer que a actividade da Axencia viuse aínda afectada polas circunstancias excepcionais motivadas pola situación sanitaria.

Actuacións inspectoras sobre tributos internos

Estas actuacións comprenden todas as realizadas polos órganos da área de Inspección Financeira e Tributaria das Delegacións Especiais e da Delegación Central de Grandes Contribuíntes, en exercicio das funcións administrativas atribuídas á inspección tributaria polo artigo 141 da Lei Xeral Tributaria.

As devanditas actuacións poden ser de comprobación, de investigación ou de carácter auxiliar.

O importe total de débeda liquidada en 2021 ascendeu a 4.220,43, millóns de euros. Neste importe recóllese tanta débeda instruída e liquidada no propio exercicio 2021, como débeda instruída en exercicios anteriores e liquidados en 2021, non computandose, porén, a débeda instruída no exercicio, pero contida en actas que non se confirmasen á finalización do exercicio 2021.

Dentro das actuacións desenvolvidas pola Inspección no ámbito de control de tributos internos, destacan:

  • Control de grandes patrimonios: desde a súa creación en 2018, a Unidade Central de Coordinación do Control de Patrimonios Relevantes (UCCCPR) da Oficina Nacional de Investigación da Fraude, centrou os seus esforzos na elaboración dun “censo” completo de obrigados tributarios de alta capacidade económica, a delimitación dos seus riscos ou fraudes fiscais específicos, o estudo e desenvolvemento dos mecanismos de investigación e selección axeitada para detectar os devanditos riscos en contribuíntes concretos e o impulso de iniciativas en materia de obtención e / ou xestión eficaz de información relevante. Durante 2021, mantivose o traballo destinado en materia de actuacións de comprobación de continxencias tributarias asociadas a obrigados tributarios que figuran como titulares dun patrimonio relevante. Este tipo de comprobacións inspectoras xerou como resultado débedas liquidadas por importe de 540 millóns de euros en 1.165 expedientes. Estas cifras compleméntanse coa análise das bases impoñibles e cotas declaradas no IRPF polos contribuíntes con patrimonios relevantes.

  • Actuacións sobre a economía mergullada, centradas en:

    • descubrimento de vendas ocultas, con máis de 2.200 actuacións en que se logrou pór de manifesto a existencia de vendas que o contribuínte ocultara á Administración tributaria, e como consecuencia delas computáronse cotas por importe próximo aos 400 millóns de euros.

    • máis de 1.250 entradas e rexistros con Unidades de Auditoría Informática, que, ademais de facilitar o descubrimento de rendas ocultas mediante a análise do software de dobre uso utilizado na xestión e contabilidade de actividades económicas, resultan sumamente eficientes desde o punto de vista da obtención de probas e do tempo de duración das comprobacións. Cómpre destacar que a participación destas Unidades especializadas, ademais de facilitar o descubrimento de rendas ocultas mediante a análise de software de dobre uso utilizado na xestión e contabilidade de actividades económicas, resulta sumamente eficiente desde o punto de vista da obtención de probas e do tempo de duración das comprobacións.

    • actuacións coordinadas, consistentes no inicio de forma simultánea de actuacións de comprobación e investigación, mediante comparecencia e con participación das Unidades de Auditoría Informática, e que perseguen non só o descubrimento de vendas ocultas nos obrigados tributarios inspeccionados, senón tamén favorecer o cumprimento voluntario mediante a transmisión dunha mensaxe ao colectivo de empresarios do sector para que reconduzan a súa conduta tributaria.

  • Actuacións de explotación de información internacional procedente de DAC1, CRS, DAC2 e FATCA. En concreto, a ONIF continuou traballando no intercambio de información con outros países e xurisdicións relativas ás seguintes categorías:

    • información sobre rendas do traballo, rendas de conselleiros, rendas de pensións, rendas de produtos de seguros sobre a vida, así como sobre a titularidade e rendas inmobiliarias (rendas OCDE e DAC1)

    • información sobre contas financeiras no estranxeiro (CRS, FATCA e DAC2)

    • informes país por país (CBC e DAC4)

    • información sobre consultas e acordos tributarios previos con efectos transfronteirizos e sobre prezos de transferencia (DAC3)

    • comezouse a recibir información sobre mecanismos con efectos transfronteirizos de planificación fiscal (DAC6)

  • Actuacións sobre pequenas empresas a través de procedementos especializados no tamaño das entidades e as características dos seus riscos fiscais, mediante o impulso de comprobacións abreviadas.

Fiscalidade internacional

Ao longo de 2021, a Oficina Nacional de Fiscalidade Internacional (ONFI) contribuíu, a través do desenvolvemento das súas importantes funcións, aos obxectivos xerais de fomento do cumprimento voluntario e de loita contra a fraude e a evasión fiscal internacional. A actividade da Oficina materializouse tanto en actuacións propiamente inspectoras, finalizando 308 actuacións, como na relevante asistencia dos seus funcionarios a grupos de traballo en organizacións internacionais, fundamentais en materia de fiscalidade internacional, así como participación en funcións de planificación e coordinación da acción inspectora.

As citadas actuacións inspectoras inclúen as de apoio e colaboración en procedementos inspectores, a instrución de acordos previos de valoración de operacións vinculadas (ALA) e a negociación en procedementos amigables en materia de imposición directa.

A ONFI desenvolve actuacións de apoio e colaboración en procedementos inspectores, centradas en cuestións complexas en materia de fiscalidade internacional. Esta actividade ten especial transcendencia no ámbito das actuacións inspectoras da Delegación Central de Grandes Contribuíntes. En 2021, a ONFI colaborou en 207 comprobacións inspectoras, das que se finalizaron 112, supondo axustes en base impoñible estimados arredor de 5.578 millóns de euros. No exercicio precedente, participouse en 179 actuacións inspectoras, das que se finalizaron 82, cun importe total de axustes en base impoñible de 3.076 millóns de euros.

En relación cos ALA (acordos previos de valoración de operacións vinculadas), a actuación da ONFI persegue, a través destes acordos previos en materia de prezos de transferencia, reducir a litixiosidade e mellorar a seguridade xurídica do contribuínte, garantindo unha recadación acorde co esixido pola lei. En 2021 a ONFI participou na xestión de 224 expedientes de ALA, fronte aos 203 de 2020, habendose finalizado 56, dos que 28 foron estimados, 4 desestimados e en 24 casos produciuse a desistencia dos solicitantes. Os ALA estimados en 2021 permitiron garantir bases impoñibles (en xeral, nos catro exercicios seguintes) por un valor estimado superior aos 3.068 millóns de euros; cifra que ascendeu a 3.477 millóns garantidos nos ALA estimados en 2020.

Así mesmo, o pasado ano 2021, a ONFI participou en 576 procedementos amigables en materia de imposición directa, cifra que se foi incrementado notablemente nos últimos anos: 307 no ano 2018, 371 en 2019 e 434 en 2020. A actuación da ONFI persegue, nestes procedementos, a eliminación da dobre imposición económica xerada en actuacións inspectoras e, simultaneamente unha axeitada defensa das bases impoñibles que deben tributar en España, tanto en regularizacións con alcance transfronteirizo realizadas pola Administración española, como nas efectuadas polas administracións doutros países. Dese total de procedementos, en 2021 finalizáronse 140, fronte aos 106 de 2020 e 108 do 2019. As bases impoñibles afectadas polos procedementos amigables en 2021 ascenderon a máis de 721 millóns de euros, sendo esta cifra de 211 millóns no ano 2020.

Control xestor sobre tributos internos

O control xestor ten por finalidade a detección e corrección de erros e incumprimentos menos complexos. Diríxese, partindo da información de que dispón a Axencia Tributaria, a verificar, con carácter xeral, todas as obrigas tributarias consideradas individualmente. Baséase, fundamentalmente, en procesos informáticos e en controis de tipo documental (sen revisión da contabilidade mercantil do contribuínte), realizados normalmente nas propias oficinas.

O control xestor realízase polos órganos de Xestión Tributaria; pola Dependencia de Asistencia e Servizos Tributarios respecto dos contribuíntes adscritos á Delegación Central de Grandes Contribuíntes (DCGC) e polas Unidades de Xestión de Grandes Empresas, dependentes da área de Inspección Financeira e Tributaria, respecto dos contribuíntes sobre os que se exerzan as súas competencias (entre outros, aqueles sobre os que a DCGC non exerza a súa competencia pero cuxo volume de operacións supere a cifra de 6,01 millóns de euros durante o ano natural inmediatamente anterior.

Imposto sobre a renda das persoas físicas

As actuacións de control xestor sobre este imposto finalizado en 2021, independentemente do ano de inicio e da campaña de referencia, foron 740.564, un 2,6% máis que en 2020.

Ademais, e no marco dese imposto, realizáronse 200.141 liquidacións por control de retencións, un 35,6% máis que en 2020.

Os resultados obtidos reflíctense no Cadro nº 33. Actuacións de control no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas  (Anexo).

Imposto sobre Sociedades e Imposto sobre o Valor Engadido

Durante 2021, as actuacións finalizadas ao longo de todo o ano desenvolvido en relación co Imposto de Sociedades acadaron as 55.017 actuacións (un 6,3% menos que en 2020), e as do Imposto Sobre o Valor Engadido as 380.583 (un 19,3% máis que en 2020). Ás cifras do Imposto de Sociedades habería que engadir 30.528 liquidacións por pagamentos fraccionados (un 15% máis que en 2020).

Con respecto aos contribuíntes inscritos no rexistro de devolucións mensuais de IVE, as actuacións realizadas ao longo de todo 2020 foron 19.313 (un descenso do 1,6 %con respecto a 2020).

Actuacións sobre contribuíntes en Módulos

No caso de contribuíntes sometidos ao réxime de estimación obxectiva, e baixo o criterio de actuacións finalizadas en 2021, independentemente do ano de inicio e da campaña de referencia, realizáronse 9.864 actuacións, un 24,4% menos que en 2020.

Os resultados obtidos recóllense no  Cadro nº 34. Resultados no réxime de Módulos (Anexo).

Comprobación de declaracións periódicas

Partindo do censo de empresarios, profesionais e retenedores realízase un control automatizado do cumprimento das obrigas de presentación de autoliquidacións periódicas (do Imposto sobre o Valor Engadido, das retencións e dos pagamentos fraccionados).

Durante 2021 emitíronse un total de 570.832 cartas e requirimentos, atendendo, ademais, 39.329 tramites de audiencia e xerandose en total 39.230 autoliquidacións presentadas por un importe de 35,9 millóns de euros.

Tamén se realizaron 37.219 liquidacións por pagamentos fraccionados de IRPF, Imposto sobre Sociedades e réxime simplificado de IVE, por un importe de 51,0 millóns de euros.

Estas cifras forman parte das cifras totais anuais de liquidacións de cada un dos impostos referidos.

Minoración de bases impoñibles negativas

En 2021 puidose recuperar o nivel de anos anteriores nas actuacións tendentes a diminuír as bases impoñibles negativas, as deducións e as cotas que hai que compensar declaradas polos contribuíntes, o que, sen dúbida, redundará positivamente na recadación bruta e líquida de futuros exercicios.

Así, mentres en 2020, as minoracións por estes conceptos foron de cerca de 2.900 millóns de euros, dos que case 800 corresponderon a actuacións da Delegación Central de Grandes Contribuíntes; en 2021 estas minoracións suman case 5.000 millóns de euros, dos que case 2.800 millóns corresponden á DCGC . Estas cifras sitúanse por riba da media dos catro anos anteriores, 4.350 millóns de euros, dos que 2000 corresponden á Delegación Central.