Saltar ao contido principal
Memoria 2021

4.4.1. Cesión de información

A Axencia Tributaria cede información desde hai anos e de forma cada vez máis notable a outras Administracións Públicas para que estas poidan exercer as funcións que teñen encomendadas e prestar ao cidadán da maneira máis eficiente os servizos públicos para os que son competentes. Esa cesión de información require, con carácter xeral, o previo consentimento do interesado.

A información tributaria así proporcionada a outros organismos públicos, ademais de aforrar aos cidadáns millóns de desprazamentos anuais para solicitar certificados tributarios e reducir os tempos de tramitación e os custos de xestión das Administracións, contribuíu a evitar e combater fraudes na obtención de prestacións sociais, subvencións ou axudas públicas.

Destácase a subscrición en 2021 dos novos convenios de subministración de información e de intercambio de información e colaboración na xestión recadadora coas entidades locais entre a Axencia Tributaria e a Federación Española de Municipios e Provincias. Así mesmo, o convenio coa Cidade de Ceuta en materia de subministración de información para finalidades non tributarias. Tamén se subscribiron convenios para o acceso á información da Axencia Tributaria por parte das Deputacións da Coruña, Alacant e Tarragona.

Como consecuencia dos convenios de cesión de información a outras Administracións, a Axencia Tributaria atendeu, durante 2021, preto dos 100 millóns de peticións de información relativa ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (34,3 millóns aproximadamente do Ministerio de Sanidade) e preto de 7,5 millóns de certificados de estar ao corrente de obrigas tributarias.

Así mesmo, a Axencia Tributaria subministra información aos Xulgados, Tribunais e membros do Ministerio Fiscal.Durante 2021, no marco estipulado no Convenio de colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Ministerio de Xustiza, as subministracións normalizadas que se efectuaron de forma directa e automatizada a través do Punto Neutro Xudicial xestionado polo CXPX, supuxeron máis de 10,8 millóns. Ademais, tramitáronse 11.102 solicitudes non normalizadas de información.

Na actualidade, os datos tributarios de carácter estatístico serven para minorar os tamaños mostralles das enquisas competencia de organismos tales como o Instituto Nacional de Estatística, o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Banco de España e o Ministerio de Fomento. Doutra banda, a utilización de rexistros administrativos de orixe fiscal é de uso xeneralizado para operacións estatísticas de gran transcendencia para os cidadáns como a Enquisa de Poboación Activa, a de Custos Laborais, a Industrial, a de Servizos, e a de Comercio Exterior, entre outras e na formación dos censos de poboación, empresas (DIRCE) e censo agrario. Tamén foi imprescindible a colaboración para proporcionar á AIREF os datos necesarios para a realización por este organismo do Peer Review dos beneficios fiscais dos principais impostos.

A cesión de información por parte da Axencia Tributaria foi durante 2021 especialmente relevante para facilitar a implantación das diferentes medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial aprobada en resposta á pandemia da COVID-19 , como as axudas directas a determinados empresarios e profesionais xestionadas polas Comunidades e Cidades Autónomas, ou as xestionadas polo Instituto de Crédito Oficial.

Ademais, mellorouse a cesión de información ao INSS para unha axeitada xestión do Ingreso Mínimo Vital, así como a realizada ao Servizo Público de Emprego Estatal para facilitar a xestión dos ERTE .