Saltar ao contido principal
Memoria 2021

4.5.1. Control interno

Como órgano especializado de control interno, ten a misión de avaliar o sistema de control interno e favorecer o desenvolvemento do mesmo, mediante a realización de inspeccións de servizos e auditorías aos órganos centrais e territoriais da Axencia.

Actuacións de inspección

As actuacións de inspección do Servizo de Auditoría Interna están suxeitas ao principio de planificación establecida regulamentariamente para a Inspección dos Servizos, elaborandose con carácter anual o Plan de Actuacións da Inspección dos Servizos que se aproba polo presidente da Axencia Tributaria. O Plan do ano 2021 está estruturado en 36 programas: por unha parte, un conxunto de programas vinculados a actuacións comúns a varias áreas e / ou significativos para os efectos da mellora dos resultados da Axencia Tributaria e, por outra, unha serie de programas vinculados á xestión de riscos da Axencia Tributaria, ao seguimento permanente dos órganos territoriais e a análise e control de áreas sensibles, de seguridade e de colaboración institucional.

Como consecuencia destas actuacións de inspección dos servizos, o Servizo de Auditoría Interna elabora informes, que poden conter recomendacións aos Departamentos da Axencia Tributaria (mocións) e ás Xefaturas das Unidades auditadas (propostas).

No ano 2021 elaboráronse 127 informes e en 2020 elaboráronse 91.

En 2021, o Servizo de Auditoría Interna dedicou parte das súas actuacións a asegurar a continuidade do negocio fronte ao impacto da pandemia, en particular, exercendo funcións de consultoría para un acceso remoto seguro aos sistemas de información e unha utilización eficaz do teletraballo.

Seguimento e avaliación permanente dos sistemas de control interno de xestión, riscos e condutas

O Servizo de Auditoría Interna realiza este seguimento e avaliación a través da máis ampla cooperación cos Departamentos e Servizos Centrais e coas diversas Delegacións Territoriais.

Esta colaboración institucional cos distintos Departamentos tamén se exerce mediante o funcionamento das sete Comisións Sectoriais de Seguridade e Control, creadas na Axencia Tributaria para as seguintes áreas ou sectores: de Xestión Tributaria, de Inspección Financeira e Tributaria, de Recadación, de Aduanas e Impostos Especiais e Vixilancia Aduaneira, de Informática Tributaria, Xeral e de Xestión Económica. A Vicepresidencia de cada unha das sete Comisións osténtaa un inspector dos Servizos do Servizo de Auditoría Interna.

No ano 2006 decidiuse polo Comité de Dirección da Axencia Tributaria a elaboración do primeiro Mapa de Riscos da Axencia, incorporando así un valioso instrumento ao seu sistema de xestión de riscos, sendo as Comisións Sectoriais de Seguridade e Control as encargadas da elaboración dos mapas sectoriais, que son integrados nun único mapa polo Servizo de Auditoría Interna.

Para cada un dos riscos seleccionados, os grupos de traballo das Comisións Sectoriais de Seguridade e Control, determinan un tratamento, articulado nunha ou varias medidas cuxa aplicación pola organización debe servir para eliminar ou reducir o valor do risco residual detectado, é dicir, do impacto e da probabilidade de ocorrencia ou de ambos os dous compoñentes a un tempo.

Tras este primeiro Mapa elaboráronse catro, un por cada trienio, sendo o último o correspondente ao período 2020-2023, que contén 55 riscos e 114 medidas.

O Servizo de Auditoría Interna considera que dentro das súas achegas aos resultados da organización encóntrase o compromiso cos procesos de mellora organizativa, a difusión de mellores prácticas e a aplicación de programas de autoavaliación. A actividade de control ten, en consecuencia, unha finalidade proactiva de mellora continua.

Para coadxuvar aos devanditos fins e propiciar a mellora continua no traballo, o Servizo é membro do Instituto de auditores Internos de España, colabora con Organismos Internacionais no desenvolvemento de proxectos de asistencia técnica no ámbito do control interno, e participa en grupos que promoven a seguridade dos intercambios internacionais de información tributaria (Grupo APRG do Foro Global) e a xestión dos riscos institucionais (Comunidade de Interese da OCDE e Grupo de Proxecto sobre ERM Benchmarking de TAXUD).

O Servizo de Auditoría Interna representa a AEAT española, participando activamente desde a súa fundación no Comité Permanente de Ética do Centro Interamericano de Administracións Tributarias (CIAT).