3.1. Recadación tributaria bruta
A recadación tributaria bruta está constituída polos ingresos efectivos obtidos no exercicio, procedentes tanto das autoliquidacións presentadas polos contribuíntes como das liquidacións practicadas pola Axencia Tributaria. Responde, polo tanto, a un criterio de caixa.
A recadación bruta total xestionada pola Axencia Tributaria en 2022 acadou os 320.687 millóns de euros, o que supuxo un aumento interanual do 16,3 %(45.085 millóns máis que no ano 2021).
O aumento dos ingresos brutos en 2022 explícase fundamentalmente polo crecemento do gasto en consumo, dos salarios e as pensións e dos beneficios empresariais, co achegue adicional das cotas positivas das declaracións anuais do IRPF e do Imposto sobre Sociedades que corresponden ao exercicio 2021.
Parte do elevado crecemento en 2022 das principais bases impoñibles (gasto en consumo, rendas dos fogares e beneficios) ten que ver coas subidas dos prezos, pero estas non son a causa principal. Estímase que algo menos de 5 puntos do aumento dos ingresos débense aos incrementos de prezos por riba da súa evolución nos últimos anos, a pesar de que o IPC (referencia habitual, aínda que non necesariamente a máis axeitada cando se trata da recadación) medrase, en media do ano, un 8,4%. Neste sentido hai que ter en conta que o IPC só afecto directamente a unha parte dos ingresos por IVE que, en termos brutos, medraron máis do dobre que os prezos. Ademais, a subida do prezo da electricidade foi compensada parcialmente pola rebaixa no tipo. Noutros casos, como é o dos salarios e as pensións, os incrementos non están vinculados aos prezos do ano en curso, senón, na súa maioría, aos do ano anterior. Por último, noutras figuras que xiran sobre os consumos físicos, como o Imposto sobre Hidrocarburos, o efecto dos prezos sobre os ingresos é negativo.
Efectivamente un dos trazos que caracterizou o ano 2022 canto ao medio económico foi a alta inflación que se produciu ao mesmo tempo que se mantivo o intenso crecemento da actividade, sobre todo ata o último terzo do ano. As vendas deflactadas, que xa superaran os niveis de 2019 a finais de 2021, continuaron medrando a bo ritmo ata acadar os seus máximos nos meses centrais do ano. Tanto as vendas interiores diarios proporcionadas polo sistema de Subministración de Información Inmediata do IVE como as vendas totais declaradas mensualmente polas Grandes Empresas e trimestralmente polas pemes, seguiron unha tendencia crecente ata o segundo trimestre para ir moderandose posteriormente, en especial no tramo final do ano. En termos correntes, o perfil foi máis acusado porque, en xeral, os prezos tenderon a seguir unha traxectoria similar, con subidas cada vez maiores no primeira semestre e paulatina desaceleración no segundo (o IPC e o IPRI -Índice de Prezos Industriais - con e sen enerxía seguiron esta pauta; en cambio, o IPC subxacente, sen os elementos máis volátiles, continuou medrando ata decembro). O emprego tamén foi perdendo impulso segundo avanzaba o ano, pero a desaceleración produciuse de maneira máis suave.
Se se analizan os ingresos brutos por figuras, a recadación por IRPF aumentou un 14%. As principais razóns que explican o crecemento son o aumento das rendas do traballo (salarios e pensións) e do seu tipo efectivo, os bos resultados da declaración anual de 2021 presentada a finais de xuño de 2022 e o incremento dos beneficios das empresas persoais. A primeira delas é a que está detrás do forte aumento (12,5 %) das retencións por rendas do traballo e actividades económicas, o principal compoñente do imposto. Aumentan tanto as procedentes do sector privado (12,9%, sobre todo nas pemes, que aínda nos dous primeiros trimestres comparábanse con períodos afectados en 2021 por algún tipo de limitación á actividade) como as do sector público (11,7%, cun aumento próximo ao 18 %nas derivadas de pensións). O aumento das retencións produciuse polo crecemento do emprego (en particular no sector privado), pola subida dos salarios e pensións medias (máis no segundo caso que no primeiro) e polo incremento do tipo efectivo que comportaron esas subidas. Canto á declaración anual, aumentou significativamente a cota positiva (25,4 %) polo crecemento de rendas non suxeitas por completo a retención ou pagamento a conta (rendas de actividades empresariais e ganancias patrimoniais), ademais de polo efecto dos cambios normativos (subida de tipos na base do aforro e modificación dos límites nas achegas a plans de pensións) aprobados na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021. Por último, os pagamentos fraccionados, ligados, na súa maior parte, ao resultado de explotación das actividades das empresas persoais, medraron un 21,7% e situáronse un 28,5% por riba da recadación que se rexistrou por este concepto en 2019.
Os ingresos brutos no Imposto sobre Sociedades subiron un 21,7%, reflexo, principalmente, da moi favorable evolución dos beneficios tanto en 2022 como en 2021. Os primeiros manifestáronse nun forte aumento dos pagamentos fraccionados (17,3 %), xeneralizado ademais por tipo de empresa, aínda que especialmente elevado nos grupos consolidados e, dentro deles , nos grupos dos sectores bancarios e enerxético. Os beneficios do ano 2021 pódense ver no considerable crecemento (41,7 %) dos ingresos da declaración anual, na súa maioría procedente da declaración de 2021 presentada en xullo de 2022.
No Imposto sobre a Renda de Non Residentes os ingresos brutos medraron un 36,7%. Hai que lembrar que neste imposto non se recuperaran os niveis previos á pandemia debida, fundamentalmente, ao adverso comportamento das rendas de capital. En 2022, en cambio, estas rendas recuperaron gran parte do dinamismo de antano e iso, canda os mellores resultados da declaración anual, permitiu acadar un record histórico de ingresos, próximo aos 3.600 millóns de euros.
Os ingresos brutos por IVE ascenderon un 20,4 %e fixéseno a maior ritmo se non fose pola recadación perdida relacionada coas medidas sobre os consumos enerxéticos con obxecto de compensar a subida destes custos. De calquera forma, as taxas son moi superiores ao incremento dos prezos no mesmo período (entre novembro de 2021 e outubro de 2022, os meses incluídos na recadación, o IPC xeral subiu, en media, un 8,4 %), o que indica que o crecemento non só foi consecuencia da subida dos prezos, senón tamén da intensa recuperación do consumo.
Os ingresos por Impostos Especiais tiveron peor comportamento e só subiron un 3,1% con respecto aos rexistrados en 2021. Hai que lembrar que estes impostos foron, dentro das grandes figuras, os únicos que en 2021 non lograron recuperar o nivel de 2019. Tampouco en 2022 conseguírono, aínda que se o cálculo se fai sen contar o Imposto sobre a Electricidade, de recadación marxinal por efecto das medidas para moderar o custo da electricidade, entón os ingresos son un 1% superiores aos que había fai tres anos. A orixe de tan magro resultado está no feble comportamento do Imposto sobre Hidrocarburos cuxos ingresos aumentaron tan só un 5,2%, o que supón que a recadación de 2022 seguiu aínda por debaixo da cifra de 2019. Os crecementos de comezos do ano foron elevados ao compararse con períodos aínda afectados por limitacións á mobilidade, pero, a medida que a comparación se realizaba con meses de actividade normal, foise notando o impacto negativo sobre a recadación dos altos prezos das gasolinas e do gasóleo de automoción, ao que se uniu nos últimos meses a moderación da conxuntura económica xeral. A situación no segundo imposto en importancia entre os especiais, o Imposto sobre Labores do Tabaco, foi completamente distinta: en 2022 medrou un 9 % tras cinco anos consecutivos de descensos. Hai que remontarse ata 2016 para encontrar unha recadación similar á de 2022. Os prezos das principais marcas de cigarros foron aumentando desde setembro de 2021 e tamén fixérono, e con máis intensidade, os prezos do resto dos produtos, pero esas subidas explican só arredor de 5 puntos do crecemento; o resto cabe atribuíro a un aumento do consumo. Nos impostos sobre o alcohol os ingresos medraron un 24,9%. A taxa é alta tamén pola comparación con algúns períodos do ano anterior con restricións, pero, aínda así, a recadación final é maior que a que resultaría de aplicar un crecemento medio histórico aos datos de 2019. Por último, hai que sinalar o rexurdir, por pequeno que sexa, do Imposto sobre o Carbón, virtualmente desaparecido nos últimos anos, pero que en 2022 viu case duplicarse os seus ingresos no contexto de incerteza sobre as materias primas enerxéticas.
Finalmente, a recadación bruta polo capítulo III de Taxas e outros ingresos acadou a cifra de 2.625 millóns, o que implica unha caída do 2,9 %con respecto a 2021. A causa principal da caída foi a desaparición dos ingresos do Canon polo aproveitamento de augas continentais para a produción de enerxía eléctrica (como consecuencia dunha sentenza do Tribunal Supremo que comportou a devolución do recadado ata o ano 2021).
Cadro nº 12. Recadación tributaria bruta total Nova xanela (Anexo).