Saltar ao contido principal

Desarticulado en Guadalajara un grupo organizado dedicado a enviar droga en paquetes postais

Operación conxunta da Axencia Tributaria e Policía Nacional

  • A investigación deu comezo tras a interceptación e a ‘entrega controlada’ dun paquete postal en cuxo interior se ocultaban 6 quilos de marihuana
  • Grazas a esta operación desmantelouse un centro de distribución de marihuana asentado en Humanes (Guadalajara) no que se incautaron 149 quilos de ‘gromos’ secos de marihuana
  • Os tres detidos distribuían a substancia estupefaciente por todo o territorio nacional e exportaban parte a diferentes países de Europa

27 de setembro de 2022.- O Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e a Policía Nacional, no marco dunha operación conxunta, desarticularon un grupo criminal establecido no municipio de Humanes (Guadalajara) e desmantelaron toda a infraestrutura que tiña establecida para o envío de paquetería con marihuana a diferentes puntos de España e Europa.A actuación policial saldouse coa detención dos tres membros da organización.

O operativo desenvolveuse no marco dos protocolos de colaboración entre as distintas institucións dedicadas a loita contra o narcotráfico e as distintas empresas de envío de paquetería situadas en Guadalajara, así como grazas aos controis regulares que se levan a cabo co fin de evitar que as mafias da droga se sirvan destas empresas para levar a cabo as súas actividades ilegais.

A investigación iniciouse a mediados do mes de xullo deste mesmo ano, cando o Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Valencia intercepta un envío postal cun peso aproximado de seis quilos, en cuxo interior se localizaron varias bolsas pechadas ao baleiro con gromos de marihuana no seu interior.

O paquete tiña como destino unha vivenda situada no municipio de Humanes (Guadalajara) que, á súa vez, como se puido determinar posteriormente, estaba relacionada con multitude de envíos durante un período prolongado de tempo.

Como destinatarios destes envíos figuraban diferentes remitentes, tanto persoas coma empresas, se ben todos eles tiñan como nexo común a vivenda situada en Humanes dende a que partían todos os envíos, centrando as sospeitas sobre o devandito domicilio dos investigadores de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Castela a Mancha e a Policía Nacional.

Enviaban marihuana a distintos puntos de España e exportábana a países europeos

As comprobacións sobre a vivenda permitiron descubrir que dende este domicilio se ía realizar, de xeito inminente, un envío de oito paquetes a distintos puntos da xeografía española, polo que se solicitou ao Xulgado de Instrución competente o correspondente mandamento de entrada e rexistro, non sen antes levar a cabo a ‘entrega controlada’ do paquete interceptado inicialmente.

Unha vez no interior da vivenda, os investigadores encontráronse cun auténtico centro de distribución de marihuana, onde se preparaban os paquetes postais con destino a distintos puntos de España e Europa a través dunha coñecida empresa de paquetería, localizando e incautando un total de 149 quilos de gromos secos de marihuana, así como os elementos necesarios para o seu envasado ao baleiro, empaquetado e etiquetado.

Os tres detidos nesta operación policial crearan unha rede de distribución de marihuana, pretendidamente amparada nun contido de CBD (Cannabidiol) con baixa porcentaxe de THC, se ben a substancia que remitían superaba de sobra eses supostos baixos niveis de THC.

Mencionar que o cultivo de cánabo non permite a comercialización dos gromos da planta, independentemente da porcentaxe de THC que conteñan, polo tanto, incórrese nun delito de tráfico de drogas.