O Tribunal Económico-administrativo Central unifica criterios en relación coa imputación temporal de rendas
O Tribunal Económico-administrativo Central (de agora en diante TEAC) ditou, en data 24 de novembro de 2022, a resolución 6392/2022, adoptada no procedemento para unificación de criterio previsto no artigo 229.1. letra d) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, en que aclara a correcta aplicación da regra especial de imputación temporal, recollida no apartado 2.a) do art. 14 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, cando se aplica ás rendas percibidas tras unha resolución xudicial, que resolve sobre o dereito a percibir tales rendas.
O TEAC analiza o que se dispón no apartado 2.a) do art. 14 "Imputación temporal" da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, que establece:
"2. Regras especiais.
a) Cando non se satisfixese a totalidade ou parte dunha renda, por encontrarse pendente de resolución xudicial a determinación do dereito á súa percepción ou a súa contía, os importes non satisfeitos imputaranse ao período impositivo en que aquela adquira firmeza."
O precepto fora interpretado polos Tribunais Económico-administrativos rexionais de Cataluña e de Valencia, e fixaran dous criterios opostos para casos substancialmente idénticos.
O TEAC acorda unificar criterio no sentido seguinte:
A regra especial de imputación temporal do art. 14.2.a) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF resulta de aplicación cando exista unha liorta xudicial de cuxo resultado derive o dereito a percibir a renda de que se trate, e iso aínda que tal dereito non sexa o obxecto desa liorta xudicial.
Podes consultar a resolución comentada na seguinte ligazón: Resolución: 06392/2022.