Saltar ao contido principal

Desarticulado en Asturias un "laboratorio caseiro" dedicado a recuperar ketamina impregnada en material téxtil

Operación conxunta da Axencia Tributaria e a Garda Civil

  • A droga detectouse nun paquete postal no aeroporto de Foronda (Áraba)
  • Detivose a unha persoa

23 de febreiro de 2023.- Funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e axentes da Garda Civil, nunha operación conxunta, detiveron unha persoa por introducir 1,5 quilos de ketamina impregnada en material téxtil e desmantelaron o ‘laboratorio caseiro’ de Asturias onde se extraía a substancia estupefaciente.

A operación iniciouse o pasado día 8 de febreiro, cando funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria no País Vasco e axentes da Garda Civil, integrados na Unidade de Análise de Risco da Dependencia Rexional de Aduanas e II.EE. do País Vasco, detectaron un envío postal susceptible de ocultar unha substancia que puidese ser estupefaciente.

Tras levar a cabo as correspondentes comprobacións, determinouse que o paquete contiña 1,5 quilos de ketamina, e que a droga se encontraba impregnada nun material téxtil. O paquete tiña como destino outro punto da xeografía nacional e o remitente pretendía facero chegar mediante envío postal.

Xestións posteriores permitiron indagar que o envío fora realizado desde Bangladesh e que tiña como destino o municipio do Berrón-Siero (Asturias). Tras coordinar a investigación co Servizo de Vixilancia Aduaneira e a Garda Civil desa demarcación, logrouse identificar a persoa que debía recibir o envío, un veciño da citada provincia.

Finalmente, e contando coa preceptiva autorización xudicial, o pasado día 14 de febreiro leváronse unha serie de actuacións que permitiron a súa detención e posta a disposición xudicial por un presunto delito de tráfico de drogas.

‘Laboratorio caseiro’

Tras realizar a entrada e rexistro no domicilio do detido, comprobouse que estaba sendo utilizado como laboratorio para extraer a droga do material téxtil en que viña impregnada. Na vivenda acháronse tanto útiles para a realización do proceso como 75 toallas xa tratadas, o que denota o exercicio dunha actividade ilegal de relevancia e continuada no tempo.

Con esta actuación dáse por desarticulada unha das vías de entrada deste tipo de droga tanto na Comunidade Autónoma do Principado de Asturias como na de Galicia, lugares de distribución da droga.