Saltar ao contido principal

Detido un polisón que transportaba máis de 100 quilos de cocaína xunto ao áncora dun buque mercante

Operación conxunta da Axencia Tributaria, Policía Nacional e Garda Civil

  • Ocultábase, xunto a catro fardos que contiñan a substancia estupefaciente, no compartimento da áncora dun cargueiro de bandeira grega que realizaba unha travesía de Colombia a Turquía
  • Pretendía realizar a técnica de ‘drop off’, xa que os fardos tiñan adosado dispositivos de xeolocalización para poder ser recollidos polos seus destinatarios en augas españolas

15 de febreiro de 2023.- Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, nunha operación conxunta con Policía Nacional e Garda Civil, detiveron un polisón que transportaba catro fardos con 99 paquetes de cocaína cun peso de 109 quilos no compartimento da áncora dun cargueiro. Pretendía realizar a técnica de ‘drop off’ xa que cada un dos fardos tiñan adosados dispositivos de xeolocalización para poder ser recollidos polos seus destinatarios en augas españolas.

As primeiras pescudas iniciáronse cando, a través de mecanismos de cooperación internacional, os axentes recibiron información por parte das autoridades gregas, comunicando a presenza dunha persoa a bordo dun buque mercante, concretamente no interior dun habitáculo de difícil acceso, na zona da áncora, con indicios de poder transportar droga.

De Colombia a Turquía

O mercante tiña fixada unha redución da marcha na zona do estreito de Xibraltar para o abastecemento de combustible, momento en que as autoridades españolas comprobaron a veracidade das informacións recibidas. Unha vez que o buque foi interceptado e realizou o atraque, localizouse a unha persoa no compartimento da áncora e, xunto a el, un total de 99 paquetes de cocaína repartida en catro fardos, polo que foi arrestado como presunto autor dun delito contra a saúde pública.

A investigación determinou que o home accedera ao barco rubindo polos cabos de amarre, cando partía de Colombia, introducindo os fardos de cocaína axudado por varias persoas cuxa identidade se investiga.

Pretendía utilizar a técnica do ‘drop off’

As pescudas dos axentes permitiron detectar dispositivos de xeolocalización adosados aos fardos, cos que se pretendía entregar a droga polo método ‘drop off’. Desta maneira, a droga sería guindada ao mar e recollida posteriormente por outros membros da organización criminal guiado polos dispositivos de xeolocalización.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-xoU1tRvZXR