A sentenza do 22 de decembro de 2022 do Tribunal Supremo analiza diversas cuestións sobre a declaración de falido
A Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo ditou, en data 22 de decembro de 2022, a sentenza 1746/2022, no recurso de casación número 1268/2021, en que fixa xurisprudencia sobre algúns requisitos da declaración de falido.
Na devandita sentenza, o Tribunal Supremo analiza se a declaración de falido debe especificar se se trata dunha insolvencia total ou parcial do debedor e aclara acerca da necesidade de esgotar os trámites do procedemento de constrinximento tendente a indagar a existencia de bens e dereitos do debedor susceptibles de embargo, iniciados pola Administración con carácter previo a declarar falido a un debedor, precisando cales son eses trámites, e, en particular, se o requirimento formulado ao abeiro do artigo 162 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, ten a consideración de trámite do procedemento de constrinximento e se pode declararse falido a un debedor antes de que venza o prazo para contestar ese requirimento.
A conclusión á que chega o Tribunal Supremo fixo a seguinte xurisprudencia en resposta ás cuestións con interese casacional:
"[E]n canto á primeira cuestión de interese casacional, […] a declaración de falido do debedor principal non require, para a súa validez, da expresión cuantitativa do carácter parcial da insolvencia, sen prexuízo de que o acordo de declaración da responsabilidade subsidiaria, si deberá incorporar a identificación precisa do alcance da débeda obxecto de derivación, e especificar se é o caso o alcance parcial da mesma.
E con respecto á segunda cuestión de interese casacional […] a constatación suficiente da situación de insolvencia do debedor non require que se esgoten todos os trámites do período executivo con respecto de todas e cada unha das débedas, senón que pode obterse como resultado das actuacións executivas e / ou de comprobación e investigación realizada con respecto dalgunha das débedas, polo que acreditada suficientemente a insolvencia, non impide que se formalice a declaración de falido a circunstancia de que se encontre pendente de contestación polo debedor un requirimento efectuado pola Administración, con posterioridade a aqueles actos de investigación e embargo, ao abeiro do art. 162.1 LGT, para que o debedor informe á Administración de bens e dereitos do seu patrimonio."
Podes consultar esta sentenza na seguinte ligazón: STS 4927/2022, do 22 de decembro de 2022.