Saltar ao contido principal

Interceptado en augas próximas a Cabo Verde un "narcoveleiro" que se dirixía a costas españolas con 200 quilos de cocaína

  • No marco dunha operación internacional contra o tráfico de drogas, baixo a coordinación de Ameripol e da axencia americana DEA, en que colaboraron as autoridades brasileiras e francesas, e a Armada Española

  • Arrestados os dous tripulantes da embarcación, que procedía de América do Sur, con rumbo ás illas Canarias

29 de febreiro de 2024.- Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, nunha operación conxunta coa Policía Nacional e a Garda Civil, interceptaron en augas próximas a Cabo Verde un ‘narcoveleiro’ que se dirixía a costas españolas con  200 quilos de cocaína. Os dous tripulantes da embarcación, procedente de América do Sur e con rumbo ás illas Canarias, foron arrestados. A actuación desenvolveuse baixo a coordinación de Ameripol e da axencia americana DEA (Drug Enforcement Administration), en que colaboraron as autoridades brasileiras e francesas, e a Armada Española.

A investigación iniciouse o pasado ano cando, a través das canles de cooperación policial internacional, os axentes tiveron coñecemento da chegada a España de varios membros dunha organización criminal en busca de contactos, nas illas Canarias, para realizar unha importación de clorhidrato de cocaína.

Coas primeiras xestións policiais identificaron a persoa que ía dirixir a operación en Las Palmas para fretar un veleiro desde América do Sur. A partir dese momento, coordináronse as actuacións a través do oficial de ligazón en Ameripol. O despregamento de actuacións en varios países – principalmente no Brasil, pero tamén en Colombia e o Uruguai –, canda a Policía Nacional de España e as autoridades francesas, permitiu identificar varios membros da organización criminal en orixe. A identificación do capitán do barco, un cidadán de orixe francés con vínculos nas Canarias, posibilitou a detección dun veleiro de case 19 metros de eslora, con bandeira polaca.

Co avance das pescudas acreditouse o traslado do investigado nado nas Canarias, xefe do grupo español que ía recibir a cocaína, a Brasil para comandar el mesmo e coordinar desde a auga a importación da substancia estupefaciente. Unha vez tiveron todo previsto, os dous investigados abandonaron Brasil e iniciaron a navegación cara ás costas españolas.

A Policía Nacional, canda a Armada Española, preparou un dispositivo naval co obxectivo de localizar a embarcación, que finalizou coa abordaxe do veleiro en condicións de seguridade por parte do Grupo Especial de Operacións (GEO). No dispositivo colaboraron axentes da Garda Civil e funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, localizandose numerosos paquetes de cocaína oculta no barco.

A operación culminou coa detención dos dous tripulantes e o seu traslado (xunto ao veleiro) ata Canarias, onde se procedeu ao seu rexistro. Conseguiuse desarticular un grupo criminal especializado na introdución e distribución de grandes cantidades de cocaína en Europa a través das Canarias, aínda que a investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-8HnMHD76Bj