Desmantelada unha fábrica de picadura de tabaco en Badajoz
-
Identificadas dúas persoas como responsables da fábrica
-
Interviñéronse case 78 quilos de picadura de tabaco, 1.500 quilos de folla de tabaco, dúas máquinas picadoras, varias balanzas e máis de 11.000 euros en efectivo
15 de novembro de 2024.- Funcionarios da Unidade Operativa do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Badajoz e a Unidade de Análise de Investigación Fiscal e Fronteiras (UDAIFF) da Garda Civil, desmantelaron en Badajoz unha fábrica de picadura de tabaco e identificaron a dúas persoas como responsables da fábrica.
A operación comezou cando ambos os dous corpos iniciaron unha colaboración no marco de investigacións para a erradicación de puntos de venda de tabaco picado de contrabando. Como resultado desta colaboración, a principios do mes de novembro localizouse un punto de venda de picadura de tabaco nunha nave situada na estrada Badajoz-Sevilla, onde se observou a presenza constante de persoas para realizar compras.
O pasado día 8 de novembro decidiuse a explotación operativa da investigación, co resultado da intervención de 77,75 quilos de picadura de tabaco e 1.504 quilos de folla de tabaco, que terían un valor de 12.300 euros e 105.000 euros respectivamente. Ademais, encontráronse dúas máquinas picadoras, varias balanzas e 11.169,25 euros en efectivo, produto da venda da picadura.
As actuacións serán postas a disposición da Dependencia Rexional de Aduanas e Impostos Especiais da Delegación Especial da Axencia Tributaria en Extremadura, competente para o inicio e resolución dos procedementos sancionadores das presuntas comisións de infraccións administrativas de contrabando de tabaco, de contrabando de xéneros prohibidos e da Lei 11/2021, do 9 de xullo, de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal.
Os responsables enfróntanse a posibles sancións por contrabando de tabaco que superan os 30.000 euros en total, e a sancións por infraccións á Lei 11/2021 que regula o tabaco cru que poderían ascender a máis de 60.000 euros.
O tabaco cru non está recollido entre os produtos do tabaco sometido a imposición en España. O crecente desvío de tabaco cru como materia prima para a fabricación clandestina de labores do tabaco, incluídas no ámbito do Imposto sobre os labores do tabaco, provocou o desenvolvemento de novidades lexislativas para o control do tabaco cru recollidas na Disposición Adicional Primeira da Lei 11/2021, así como para a prevención e represión deste tipo de condutas, onde se establecen sancións moi importantes para elas.
A todo isto, hai que indicar os riscos para a saúde pública que entraña o consumo deste tipo de produto que non cumpre coas medidas sanitarias establecidas nin tivo ningún control durante o seu proceso de fabricación nin almacenaxe.