Saltar ao contido principal

Desarticulada unha organización criminal que distribuía droga en toda Galicia

  • A organización utilizaba sofisticados sistemas de ocultación do estupefaciente en vehículos e executaba ‘voltas’ de droga e diñeiro para financiar as súas operacións

  • Hanse incautado un total de 5,5 quilos de cocaína e outras substancias estupefacientes

3 de novembro de 2024.- Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e Policía Nacional, nunha operación dirixida polo Xulgado de Instrución nº 1 de Corcubión (A Coruña), han desarticulado unha organización criminal dedicada ao narcotráfico con ramificacións en diferentes puntos da xeografía galega coa realización de dez rexistros domiciliarios e a detención de once persoas. Ademais, hanse incautado un total de 5,5 quilos de cocaína.

A investigación iniciouse a principios de ano, cando os investigadores detectaron na Coruña a presenza dun cidadán galego, establecido na localidade de Cee e con antecedentes penais por tráfico de drogas, que se dedicaba ao transporte de substancias estupefacientes para distintas organizacións delituosas de narcotraficantes. Para iso utilizaba vehículos de alugamento e, de maneira máis habitual, vehículos dotados con ‘caleta’, é dicir, un sistema de ocultación da droga deseñado no interior destes vehículos. Igualmente, detectouse a súa presenza nun importante punto de venda de droga na localidade de Carballo, onde reside o seu principal socio na organización.

O líder da organización, asentado na localidade coruñesa de Cee, non dubidaba en atravesar España a bordo dun dos seus vehículos, ou dalgún turismo de alugamento, exclusivamente para manter unha entrevista de minutos con algún provedor de estupefaciente, co obxectivo de preparar futuras operacións de adquisición de droga. Así, durante os meses de investigación en sede xudicial mantivo numerosas entrevistas con persoas pertencentes a terceiras organizacións criminais preparando a introdución en España de importantes cantidades de droga vía marítima.

Unha vez o propio líder da organización adquiría a substancia estupefaciente en diferentes puntos da xeografía española, ocultábaa en varios lugares marcados pola organización na provincia da Coruña, concretamente na zona de Carballo.

Despois da adulteración e manipulación da droga, era distribuída en Galicia por varios subordinados do líder da organización, quen contaba coa estreita colaboración do seu socio, con antecedentes por delitos contra as persoas e era residente en Carballo. Ambos os dous coñecéranse en prisión.

O líder da organización facía de ‘lanzadeira’

Así, no mes de xuño foi detectado polos investigadores un desprazamento do líder da organización a Madrid utilizando a unha terceira persoa para o transporte da droga nun vehículo dotado dun sistema de ocultación tipo ‘caleta’. Neste caso, o principal investigado realizaba labores de ‘lanzadeira’ a bordo do seu vehículo para detectar presenza policial en ruta.

Para a boa fin da investigación e a completa desarticulación da organización, procedeuse a dar o alto policial ao transportista, quen foi detido tras acharse ocultos no seu vehículo cinco quilos de cocaína.

Froito da coordinación policial, as unidades policiais participantes comezaron a identificar varios colaboradores e membros da organización cun reparto de papeis ben definido. Varios dos membros da rede eran os encargados da distribución da droga a consumidores finais, outros situábanse como encargados da súa ocultación, mentres que outros eran os responsables do transporte desas substancias estupefacientes.

As medidas de seguridade dos detidos eran máximas na busca da presenza policial e nos traslados e entregas do estupefaciente, dificultando así a investigación e chegando a utilizar medios técnicos para detectar se estaban sendo obxecto de seguimento policial.

Unha vez identificados todos os membros da organización, e cun amplo dispositivo en Galicia, procedeuse a realizar dez dilixencias de entrada e rexistro en Corcubión (4), Carballo (4) e Muros (1) en Coruña, e en Illa de Arousa (1) en Pontevedra.

Nestas dilixencias, foron intervidas diferentes substancias estupefacientes, diñeiro, útiles de manipulación e pequenas plantacións ‘indoor’.

En total interviñéronse 5,5 quilos de cocaína, tres quilos de haxix, un quilo de marihuana, 56.000 euros en efectivo, unha arma de fogo, varias armas de fogo simuladas, armas prohibidas, catro vehículos, tres deles con sistema de ocultación artesanal (caletas), básculas de precisión e diversa documentación.

A operación contra o tráfico de drogas levouse a cabo de forma conxunta polo Grupo de Información Rexional de Estupefacientes de Unidade Operativa de Vixilancia Aduanara de Galicia (operación ‘Baleas ’), a Unidade de Drogas e Crime Organizado da Coruña (operación ‘Winter’) e Greco Galicia.

Catro dos detidos xa ingresaron en prisión. A investigación segue aberta non descartandose máis detencións.

Filmación do operativo (para descargar o vídeo débese introducir o seguinte enderezo web):

https://we.tl/t-lF6hXKjFf0