Desmantelada unha organización criminal dedicada á introdución e posterior distribución de importantes cantidades de cocaína na provincia da Coruña
-
Practicáronse sete detencións ao longo da operación policial e catro rexistros domiciliarios
-
O líder da organización contaba con varios “repartidores” da droga
18 de agosto de 2025.- Vixilancia Aduaneira e Policía Nacional, nunha operación conxunta, desmantelaron unha organización que distribuía gran cantidade de substancia estupefaciente, cocaína fundamentalmente, na localidade de Carballo (A Coruña).
Froito da coordinación de información puidose comprobar en decembro do pasado ano como un vehículo que estaba sendo obxecto de vixilancia por ser utilizado para o transporte de substancias estupefacientes e a súa posterior introdución na comunidade galega, concretamente na localidade de Carballo, estaba abandonando Galicia pola Autovía A6, enderezo Madrid.
Ao seu regreso, nese mesmo día, é interceptado nunha peaxe da AG55 , enderezo Carballo, onde tras ser identificado o seu ocupante e inspeccionado o vehículo, encóntranse agochados tras os asentos dianteiros, cun elaborado sistema de ocultación artesanal (“caleta”), máis de cinco quilogramos de cocaína.
Este feito determina a continuidade dunha profunda investigación encamiñada á pescuda do destino da droga intervida, a súa ocultación, xeito de distribución, así como as persoas participantes deste ilícito penal.
Co transcurso da investigación, os axentes actuantes conseguen identificar o líder da organización, asentado na localidade de Carballo, con numerosos contactos no ámbito do tráfico de drogas e que establecera unha gran rede clientelar.
Para atender esta demanda de clientes, o principal investigado contaba con varios subordinados que, cun reparto de papeis claramente definido, medidas de seguridade nas súas entregas e un férreo control do líder, distribuían a droga a consumidores finais a calquera hora; diúrna ou nocturna.
Este control, marcado polo cabecilla da Organización, era levada a tal extremo que indicaba de maneira precisa a súa porcentaxe de ganancia en cada venda e a porcentaxe dos seus subordinados.
Identificados todos os membros que formaban parte da organización e achegados todos os elementos obxectivos necesarios, a madrugada do 12 de agosto practicáronse de maneira simultánea catro rexistros na localidade de Carballo.
Como balance da operación policial desenvolvida interviñéronse case seis quilogramos de cocaína en rocha, así como diversas doses preparadas para a súa venda, sete balanzas de precisión e útiles para a súa preparación, 7.000 euros e dous vehículos.
Esta intervención contra o tráfico de drogas desenvolveuse de forma conxunta pola Unidade de Drogas e Crime Organizado da Coruña, GRECO Galicia e polo Grupo de Información Rexional de Estupefacientes de Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Galicia.
Imaxes da operación dispoñibles nesta ligazón .