Unha investigación da Axencia Tributaria permite intervir en Portugal 400 quilos de cocaína mesturada con area
-
A droga chegara en colector ao porto de Vigo e posteriormente transportouse por estrada ata os arredores de Lisboa
-
Durante a actuación operativa realizada pola Polícia Judiciária, con apoio do Servizo de Vixilancia Aduaneira, foron detidos dous individuos que pasaron a disposición xudicial en Portugal
-
As investigacións en España leváronse a cabo polo Servizo de Vixilancia Aduaneira baixo a dirección da Fiscalía Antidroga de Pontevedra
18 de xullo de 2025.- Unha investigación do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria permitiu a intervención en Portugal de 400 quilos de cocaína. Froito destas actuacións, e en colaboración coa Polícia Judiciária portuguesa procedeuse á detención de dous individuos que pasaron xa a disposición xudicial en Portugal. A droga encontrábase mesturada con area de gato nun colector procedente de América do Sur que chegara ao porto de Vigo para o seu posterior transporte por estrada ata as proximidades de Lisboa.
No marco de investigacións contra o tráfico de drogas realizadas pola Unidade Operativa do Servizo de Vixilancia Aduaneira de Vigo, detéctase a chegada ao porto de Vigo, o pasado día 6 de xuño, dun colector sospeitoso procedente de América do Sur, sobre o que existía unha alerta da Subdirección Xeral de Operacións de Vixilancia Aduaneira.
A carga declarada consistía en area de gato cun peso total de 24.800 quilos. O destinatario da mercadoría era unha mercantil portuguesa que ergueu as sospeitas dos investigadores, ao non contar con antecedentes de vendas, nin de importacións, o que podería indicar que se trataba dunha mera sociedade instrumental.
Ante estes feitos, a Unidade de Análise de Riscos (UAR) da Aduana de Vigo procedeu á inspección física da mercadoría comprobando que coincidía, aparentemente, co declarado e tamén se procedeu á toma de mostras da mercadoría, para a súa análise polo Laboratorio Central do Departamento de Aduanas da Axencia Tributaria, detectandose nunha das mostras a presenza de cocaína (cocaína base), nunha concentración aproximada do 25.5 %.
O colector viaxa a Portugal
Ante estes feitos, a Fiscalía Antidroga de Pontevedra autoriza á Unidade Operativa do SVA de Vigo a levar a termo a entrega controlada da substancia estupefaciente, oculta entre a mercadoría do colector, polo que se contacta coa Sección de Investigación de Tráfico de Estupefacientes da Polícia Judiciária, con sede no Porto, para os efectos de coordinar a circulación e entrega controlada das substancias estupefacientes entre ambos os dous países.
O 4 de xullo levouse a cabo a entrega controlada, que parte do terminal de colectores de Vigo, vixiada en todo momento por axentes da Unidade Combinada de Vigo, ata os inmediacións do Porto, onde queda custodiada por axentes da Polícia Judiciária.
Días despois, o 16 de xullo, axentes da Unidade Combinada do SVA de Vigo desprazado a Portugal e axentes da Sección Rexional de Investigación Tráfico de Estupefacientes da Polícia Judiciária no Porto, proceden ao seguimento da mercadoría ata unha nave situada na localidade de Po, a uns 80 km de Lisboa. Nese momento procédese á detención de dous individuos, un mentres descargaba o camión que transportaba a mercadoría e o outro polos arredores da nave.
Xa no interior da nave, os axentes inspeccionan os sacos, identificando polo menos 200 deles con substancias estupefacientes, presuntamente cocaína, mesturada coa area de gato. Nestes momentos, e a falta da análise dos laboratorios portugueses, estímase que a cantidade de cocaína intervida ascendería polo menos a 400 quilos.