Como consultar unha devolución
Coñece o estado da túa devolución de Renda
Se o resultado final da túa declaración foi unha cantidade a devolver podes consultar o estado da devolución que solicitaches.
A consulta realízase accedendo ao teu expediente a través do Servizo de tramitación do borrador/declaración (Renda WEB).
Con carácter xeral, a devolución efectúase mediante transferencia bancaria á conta da túa titularidade que indicases no documento de ingreso ou devolución.
A Axencia Tributaria dispón de seis meses, desde o termo do prazo de presentación das declaracións, ou desde a data da presentación se a declaración foi presentada fóra de prazo, para efectuar a devolución ou para iniciar un procedemento de comprobación da devolución solicitada.
Transcorrido o prazo de 6 meses, sen que se ordenase o pagamento da devolución por causa imputable á Administración Tributaria, esta aboará xuros de mora desde o día seguinte ao vencemento do prazo de 6 meses, sen necesidade de que o solicites. Os intereses aplicaranse sobre o importe a devolver finalmente acordado pola Administración, xa sexa o solicitado ou ben o que derive dun procedemento de comprobación.