10.3.1. Por acollemento non remunerado de maiores de 65 anos
Os contribuíntes terán dereito a unha dedución de 341 euros por cada persoa maior de 65 anos que conviva co contribuínte máis de 183 días ao ano en réxime de acollemento sen contraprestación, cando non se percibisen axudas ou subvencións do Principado de Asturias polo mesmo motivo.
Requisitos
- A suma da base impoñible xeral e do aforro non poderá superar 25.009 euros en tributación individual e 35.240 euros en tributación conxunta. Este requisito será controlado polo programa.
- O acollido non pode estar ligado ao contribuínte por un vínculo de parentesco de consanguinidade ou afinidade de grao igual ou inferior ao terceiro.
- Cando o acollido conviva con máis dun contribuínte, o importe da dedución ratearase por partes iguais entre os contribuíntes que convivan co acollido e aplicarase unicamente na declaración daqueles que cumpran as condicións establecidas.
- O contribuínte debe estar en posesión do documento acreditativo do acollemento non remunerado, expedido pola Consellaría competente en materia de asuntos sociais.
Formalización
En caso de matrimonio e se ambos os dous cónxuxes teñen dereito á dedución, deberá indicar no recadro "común" o número de persoas acollidas por ambos os dous cónxuxes que dan dereito á dedución.
Noutro caso, o número de persoas acollidas reflectirase no recadro "Titular". Neste suposto deberá cubrir, adicionalmente, o número de titulares do acollemento cos que convive o acollido.