Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2018

7.5.1.2. Individualización

Os rendementos das actividades económicas consideraranse obtidos por quen realicen de forma habitual, persoal e directa a ordenación por conta propia dos medios de produción e os recursos humanos afectos ás actividades.

Presumirase, agás proba en contrario, que os devanditos requisitos concorren en quen figuren como titulares das actividades económicas

PRESTACIÓNS ENTRE MEMBROS DA UNIDADE FAMILIAR

  1. Rendementos do traballo (art. 30.2ª Lei)

    Cando resulte debidamente acreditado, co oportuno contrato laboral e a afiliación ao réxime correspondente da Seguridade Social, que o cónxuxe ou os fillos menores do contribuínte que convivan con el, traballan habitualmente e con continuidade nas actividades económicas desenvolvidas polo mesmo, deduciranse, para a determinación dos rendementos, as retribucións estipuladas con cada un deles , sempre que non sexan superiores ás de mercado correspondente á súa cualificación profesional e traballo desempeñado.

    As devanditas cantidades consideraranse obtidas polo cónxuxe ou os fillos menores en concepto de rendementos de traballo a todos os efectos tributarios.

  2. Cesións de bens ou dereitos (art.30.3ª Lei)

    Cando o cónxuxe ou os fillos menores do contribuínte que convivan con el realicen cesións de bens ou dereitos que sirvan ao obxecto da actividade económica de que se trate, deducirase, para a determinación dos rendementos do titular da actividade, a contraprestación estipulada, sempre que non exceda do valor de mercado e, a falta daquela , poderá deducirse a correspondente a este último.

    A contraprestación ou o valor de mercado consideraranse rendementos do capital do cónxuxe ou os fillos menores a todos os efectos tributarios.

    O que se dispón nesta regra non será de aplicación cando se trate de bens e dereitos que sexan comúns a ambos os dous cónxuxes.