Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2018

7.5.3.7. Minoración por incentivos ao investimento

Serán deducibles as cantidades que, en concepto de amortización do inmobilizado, material ou inmaterial, correspondan á depreciación efectiva que sufran os distintos elementos por funcionamento, uso, gozo ou obsolescencia.

Considerarase que a depreciación é efectiva cando sexa o resultado de aplicar ao prezo de adquisición ou custo de produción do elemento patrimonial do inmobilizado algún dos seguintes coeficientes:

  1. O coeficiente de amortización lineal máximo.

  2. O coeficiente de amortización lineal mínimo que se deriva do período máximo de amortización.

  3. Calquera outro coeficiente de amortización lineal comprendido entre os dous anteriormente mencionados.

Non obstante, os elementos de inmobilizado material novos postos a disposición do suxeito pasivo no período impositivo, cuxo valor unitario non exceda de 601,01 euros, poderán amortizarse libremente, ata o límite de 3.005,06 euros referidos ao período impositivo.

A Táboa de Amortización é a seguinte:

GRUPO

DESCRICIÓN

Coeficiente lineal máximo

Período máximo

1 Edificios e outras construcións 5% 40 anos
2 Útiles, ferramentas, equipos para o tratamento da información e sistemas e programas informáticos 40% 5 anos
3 Batea 10% 12 anos
4 Barco 10% 25 anos
5 Elementos de transporte e resto de inmobilizado material 25% 8 anos
6 Inmobilizado inmaterial 15% 10 anos

Será amortizable o prezo de adquisición ou custo de produción excluída, se é o caso, o valor residual.

Nas edificacións, non será amortizable a parte do prezo de adquisición correspondente ao valor do solo o cal, cando non se coñeza, calcularase rateando o prezo de adquisición entre os valores catastrais do solo e da construción no ano de adquisición.

A amortización practicarase elemento por elemento, aínda que cando se trate de elementos patrimoniais integrados no mesmo Grupo da Táboa de Amortización, a amortización poderá practicarse sobre o conxunto deles , sempre que en todo momento poida coñecerse a parte da amortización correspondente a cada elemento patrimonial.

Os elementos patrimoniais de inmobilizado material empezarán a amortizarse desde a súa posta en condicións de funcionamento e os de inmobilizado inmaterial desde o momento en que estean en condicións de producir ingresos.

A vida útil non poderá exceder do período máximo de amortización establecida na Táboa de Amortización.

O cálculo das amortizacións dos elementos patrimoniais do inmobilizado material que se adquiran usados efectuarase sobre o prezo de adquisición, ata o límite resultante de multiplicar por dous a cantidade derivada de aplicar o coeficiente de amortización lineal máximo.

No suposto de cesión de uso de bens con opción de compra ou renovación, cando polas condicións económicas da operación non existan dúbidas razoables de que se exercitará unha ou outra opción, será deducible para o cesionario, en concepto de amortización, un importe equivalente ás cotas de amortización que corresponderían aos citados bens, aplicando o coeficiente lineal sobre o prezo de adquisición ou custo de produción do ben.

En todo caso, para poder minorar a amortización é requisito indispensable dispor dos xustificantes documentais da adquisición dos elementos amortizables e que estes figuren debidamente rexistrados no libro-rexistro de bens de investimento.

ADQUISICIÓN DE ACTIVOS ENTRE O 1 DE XANEIRO DE 2003 E 31 DE DECEMBRO DE 2004.

Para as adquisicións de activos novos realizadas entre o 1 de xaneiro de 2003 e o 31 de decembro de 2004, os coeficientes de amortización lineais máximos establecidos nas táboas oficiais de coeficientes de amortización entenderanse substituídos, en todas as mencións a eles realizadas, polo resultado de multiplicar aqueles por 1,1. O novo coeficiente será aplicable durante a vida útil dos activos novos adquiridos no período antes mencionado.