Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2018

10.1.9. Por asistencia a persoas con discapacidade

Os contribuíntes que teñan dereito á aplicación do mínimo por discapacidade de descendentes ou ascendentes conforme á normativa estatal, poderán deducirse da cota íntegra autonómica a cantidade de 100 euros por persoa con discapacidade.

Cando varios contribuíntes teñan dereito á aplicación da dedución prevista no parágrafo anterior, estarase ás regras do rateo, convivencia e demais límites previstos na normativa estatal.

Límite de base impoñible:

A suma das bases impoñibles xerais e do aforro non debe superar 80.000 euros en tributación individual ou a 100.000 euros en caso de tributación conxunta.

Persoas con discapacidade que necesitan axuda de terceiras persoas :

Cando se acredite que as persoas con discapacidade necesitan axuda de terceiras persoas e xeren dereito á aplicación do mínimo en concepto de gastos de asistencia conforme á normativa estatal, o contribuínte ademais poderá deducir da cota íntegra autonómica a cantidade seguinte:

  • O 15 por 100 do importe satisfeito á Seguridade Social por conta do empregador, en concepto da cota fixa no réxime especial da Seguridade Social de empregados do fogar de traballadores fixos.

  • Esta dedución terá como límite 500 euros anuais por contribuínte.

  • Unicamente terá dereito a esta dedución o contribuínte titular do fogar familiar que conste como tal na Tesourería Xeral da Seguridade Social.

  • Importante : Esta dedución adicional non ten limitacións de base impoñible para a súa aplicación.

Formalización

  • Dedución aplicable con carácter xeral:

    O programa xerará a dedución de 100 euros por cada ascendente ou descendente con   discapacidade que cumpra os requisitos citados.

  • Se precisa de axuda de terceiras persoas:

    No suposto de que a persoa con discapacidade necesite axuda de terceiras persoas deberá indicar ademais na xanela de captura de datos a seguinte información:

    • As cantidades satisfeitas no período impositivo en concepto de cota fixa no réxime especial da Seguridade Social de empregados do fogar de traballadores fixos.

    • Deberá indicar o Código de Conta de Cotización do empregador.