Saltar ao contido principal
Modelo 100. Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2018

Integración diferida: perdas patrimoniais derivadas de transmisións con recompra do elemento patrimonial transmitido

As seguintes perdas patrimoniais non se integrarán a efectos liquidatorios no mesmo exercicio en que se xeren, non obstante, a perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio en que se xerase.

  1. Transmisión de elementos patrimoniais readquiridos posteriormente

    Non se computarán como perdas patrimoniais as derivadas das transmisións de elementos patrimoniais, cando o transmitente volva adquiriros dentro do ano seguinte á data da devandita transmisión.

    Esta perda patrimonial integrarase cando se produza a posterior transmisión do elemento patrimonial.

  2. Transmisión de valores ou participacións e readquisición de valores homoxéneos

    Tampouco se computarán como perdas patrimoniais as derivadas das transmisións de valores ou participacións, cando o contribuínte adquirise valores homoxéneos dentro dos seguintes prazos:

    1. Se se trata de valores ou participacións admitidas a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004 relativa aos mercados de instrumentos financeiros, cando o contribuínte adquirise valores homoxéneos dentro dos dous meses anteriores ou posteriores ás devanditas transmisións.
    2. Se se trata de valores ou participacións non admitidos a negociación nalgún dos mercados secundarios oficiais de valores definidos na Directiva 2004/39/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004 relativa aos mercados de instrumentos financeiros cando o contribuínte adquirise valores homoxéneos no ano anterior ou posterior ás devanditas transmisións.

    Nestes casos as perdas patrimoniais integraranse a medida que se transmitan os valores ou participacións que permanezan no patrimonio do contribuínte.

Readquisición con posterioridade á finalización do prazo de declaración (art.73.2 Rgl.)

Cando o contribuínte realice a adquisición dos elementos patrimoniais ou dos valores ou participacións homoxéneas con posterioridade á finalización do prazo regulamentario de declaración do período impositivo en que computou a perda patrimonial derivada da transmisión, deberá presentar autoliquidación complementaria, con inclusión dos xuros de mora, no prazo que medie entre a data en que se produza a adquisición e a finalización do prazo regulamentario de declaración correspondente ao período impositivo en que se realice a devandita adquisición. O tipo de xuros de mora para o exercicio 2018 é o 3,75 por cento.

VALORES HOMOXÉNEOS (art. 8 Rgl.)

Aos exclusivos efectos deste Imposto, consideraranse valores ou participacións homoxéneas procedentes dun mesmo emisor aqueles que formen parte dunha

mesma operación financeira ou respondan a unha unidade de propósito, incluída a obtención sistemática de financiamento, sexan de igual natureza e réxime de transmisión, e atribúan aos seus titulares un contido substancialmente similar de dereitos e obrigas.

Non obstante, a homoxeneidade dun conxunto de valores non se verá afectada pola eventual existencia de diferenzas entre eles no relativo ao seu importe unitario; datas de posta en circulación, de entrega material ou de fixación de prezos; procedementos de colocación, incluída a existencia de tramos ou bloques destinados a categorías específicas de investidores; ou calquera outros aspectos de natureza accesoria. En particular, a homoxeneidade non resultará alterada polo fraccionamento da emisión en tramos sucesivos ou pola previsión de ampliacións.