Saltar ao contido principal

O Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria

O Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria ten encomendadas, entre outras competencias, a xestión e o control dos tributos sobre o comercio exterior, os impostos especiais e os impostos ambientais. Outro ámbito de competencias está relacionado coa represión do contrabando, o narcotráfico e o branqueo de capitais.

España, canda o resto de países da Unión Europea, forma parte dunha Unión Aduaneira. Un territorio sen fronteiras interiores e cunha única fronteira fronte ao resto de países do mundo, é dicir, unha mercadoría sométese aos mesmos controis e á mesma tributación aduaneira se é importada (ou exportada) por calquera país da Unión Europea. Coa excepción dalgúns territorios que están excluídos pola súa singularidade, como Ceuta e Melilla.

Cando unha mercadoría atravesa a fronteira exterior da Unión Europea tamén se somete a controis sanitarios, fitosanitarios, veterinarios, de calidade comercial, de medicamentos e produtos sanitarios, de defensa da propiedade intelectual e industrial ou control de comercio de material de defensa e dobre uso, entre outros. No Departamento de Aduanas e Impostos Especiais asegúrase a realización destas actuacións de control que garanten aos cidadáns a calidade e a seguridade dos produtos, en estreita colaboración coas autoridades competentes en cada materia.

O Departamento tamén realiza actuacións e procedementos de xestión e, se é o caso, intervención dos Impostos Especiais e dos impostos ambientais. Entre os primeiros destacan os impostos sobre o alcohol e as bebidas alcohólicas, os hidrocarburos, o tabaco ou a electricidade. Pola súa banda entre os impostos ambientais poden destacarse o imposto sobre gases fluorados de efecto invernadoiro, o imposto sobre a produción e almacenaxe de combustible nuclear e residuos radioactivos ou o imposto sobre a extracción de gas natural, petróleo e condensados. Tamén son impostos ambientais dous de recente creación e que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2023, o imposto especial sobre os envases de plástico non reutilizables e o imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos.

O Departamento de Aduanas e Impostos Especiais conta co Servizo de Vixilancia Aduaneira que ten encomendada, entre outras competencias, a persecución e represión do contrabando (incluído o narcotráfico), tarefa que desenvolve en todo o territorio nacional, incluídas augas xurisdicionais e espazo aéreo. Ademais, o Servizo de Vixilancia Aduaneira colabora na loita contra o branqueo de capitais e contra a fraude fiscal en colaboración con outros Departamentos da Axencia Tributaria.

Ademais destas competencias, o Departamento participa de forma habitual en grupos de traballo e foros internacionais para a coordinación e o desenvolvemento no ámbito das aduanas, por exemplo no seo da Unión Europea, pero tamén na Organización Mundial de Aduanas.

Actividades moi relevantes para a economía nacional, máxime se observamos as estatísticas de comercio exterior publicado a semana pasada, en que consta que as importacións durante o primeiro trimestre de 2022 ascenderon a máis de 56.000 millóns de euros, o que supón un incremento do 57 por cento con relación ao mesmo trimestre de 2021. Neste escenario económico, o obxectivo das aduanas de continuar operando con fluidez e de garantir o cumprimento das normas de seguridade e calidade tórnase, se non o era xa, de capital importancia.

Madrid, 19 de maio de 2022