Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria prevé 18.525.000 declaracións nesta Campaña de Renda, con 870.000 novos declarantes

O prazo para presentar as declaracións de Renda e Patrimonio comeza o 2 de maio e finaliza o 30 de xuño. A Axencia Tributaria prevé devolver 11.425 millóns de euros a 14.200.000 declarantes. As declaracións con resultado a ingresar previstas son 4.200.000 por un importe de 11.650 millóns de euros. Realizadas devolucións por un importe de 278,1 millóns de euros, un 8,7% máis que á mesma data do ano pasado e confirmados ata hoxe 1.033.606 borradores, un 4,7% máis.

28 de abril de 2008. A Axencia Tributaria prevé recibir 18.525.000 declaracións do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) nesta Campaña de Renda, segundo explicaron en rolda de prensa o presidente da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Carlos Ocaña, e o seu director xeral, Luis Pedroche. Isto representa un incremento do 5 %con respecto ao ano pasado e máis de 870.000 novos declarantes do IRPF. trátase do maior aumento do número de declarantes do IRPF nos últimos anos.

O prazo para presentar as declaracións do Imposto sobre a Renda e do Imposto sobre o Patrimonio comeza o venres 2 de maio e finaliza o luns 30 de xuño. Das 18.525.000 declaracións previstas, calcúlase que 14.200.000 declaracións terán dereito a devolución, un 76,66% do total, por un importe de 11.425 millóns de euros. Pola súa parte, as declaracións con resultado a ingresar previstas sitúanse en 4.200.000 (un 22,67 %) por un importe de 11.650 millóns de euros. As declaracións con cota cero cífranse en 125.000.

Nesta Campaña de Renda, a cota total a ingresar superará en 225 millóns de euros á cota total a devolver. Esta diferenza entre ingresos e devolucións é un 50% inferior á do ano anterior e prodúcese polo incremento previsto do 6,5 %na cota que hai que ingresar fronte a un aumento do 8,9 %na cota que hai que devolver.

Por forma de declaración, as declaracións individuais medrarán un 10,4% e situaranse en 14.300.000, mentres que as declaracións conxuntas decrecerán un 10% ata os 4.225.000, segundo as previsións.

No referente ao Imposto sobre o Patrimonio (imposto cedido ás comunidades autónomas), prévénse 1.050.000 declaracións e unha cota a ingresar de 2.075 millóns de euros, un 14,8% máis de ingresos que o ano anterior.

Novidades da Campaña de Renda

A principal novidade é a aplicación da nova lei do IRPF cunha rebaixa do imposto e un aumento dos mínimos persoais e familiares que van permitir que se exclúa de tributación a 7 millóns de contribuíntes.

Os tramos da tarifa redúcense a catro e amplíase o mínimo exento.

Para o 70% dos contribuíntes aplicarase un tipo único do 24 %. Todos os produtos do aforro tributan ao 18 %. A esta rebaixa fiscal hai que engadir unha nova deflactación das tarifas do IRPF.

Incremento do uso dos servizos de asistencia de Renda

Por outra banda, hai que destacar a xeneralización dos principais servizos de asistencia de Renda: o borrador e a presentación por Internet. Nesta campaña de renda cúmprese ademais o vinte aniversario do programa de asistencia PAI.

Na actualidade, máis de 14 millóns de contribuíntes solicitan o borrador, o que supón que 3 de cada 4 contribuíntes solicítano, e do total de declaracións, máis dun 25 %presentaranse por Internet, 1 de cada 4 declaracións. Os centros de atención telefónica poden recibir 180.000 chamadas diarias, e a cita previa é o método normalizado para acudir ás plataformas de renda habilitada.

Borrador de Renda e datos fiscais

A Axencia Tributaria ofrece a posibilidade de recibir un borrador da declaración de Renda elaborada pola administración tributaria a todos os contribuíntes que reúnen as condicións fixadas pola Lei do IRPF. Basicamente, poden recibir o borrador os contribuíntes cuxas rendas procedan exclusivamente de rendementos do traballo, rendementos do capital mobiliario con retención ou ingreso a conta, Letras do Tesouro, ganancias patrimoniais sometidas a retención ou ingreso a conta, imputación de rendas inmobiliarias sempre que procedan de dous inmobles como máximo, así como subvencións para a adquisición da vivenda habitual. Ter dereito a dedución por adquisición de vivenda ou donativos e desgravación por plans de pensións non impide recibir o borrador. Quen non poidan recibir o borrador, obterán os datos fiscais.

Ata o 28 de abril confirmáranse 1.033.606 borradores, 46.000 máis que a igual data do ano pasado, o que representa un incremento do 4,7 %.

A vía máis utilizada para confirmar o borrador nesta Campaña de Renda está sendo Internet, co 40 %do total, seguido polas entidades financeiras co 23 %e o teléfono co 16 %, a continuación están as oficinas da AEAT co 15 %dos borradores confirmados, mentres que por SMS confirmouse o 6% en total.

Devolucións a declarantes do IRPF

As devolucións a declarantes do IRPF comezaron antes de mediados de abril para quen confirmaran o seu borrador de Renda. Ata o momento – datos a 28 de abril-, a Axencia Tributaria realizou 489.772 devolucións por un importe de 278,1 millóns de euros, o que representa un incremento do 8,7 %en importe e do 11,6 %en número con respecto ás mesmas datas do ano pasado.

Servizos de asistencia e información

Os servizos de asistencia e información que a Axencia Tributaria presta ao contribuínte durante a Campaña de Renda préstanse a través das seguintes canles:

Internet (sede.agenciatributaria.gob.es ): sen necesidade de certificado de sinatura electrónica pódese pedir, modificar e confirmar o borrador do IRPF; pedir cita previa, anulara e cambiara; descargar o programa PAI; con certificado de sinatura electrónica pódese presentar telematicamente a declaración de Renda e pagar se sae a ingresar.

Teléfono:

Servizo automático 901 12 12 24 Solicitar borrador; confirmar borradores a devolver; pedir cita previa.

Con operador 901 200 345 Solicitude, rectificación e confirmación borrador

901 22 33 44 Solicitude cita previa

Información Tributaria:

901 33 55 33 Resolver dúbidas tributarias

SMS: mandar ao 5025 a seguinte mensaxe: Renda (espazo) Número de xustificante do borrador (espazo) NIF . Só borradores con resultado a devolver.

Alertas a móbiles: Os declarantes poden subscribirse a un servizo de alertas por móbil polo que se lles informará sobre a emisión do borrador de Renda ou da devolución na Campaña de Renda do ano próximo. Para iso, abondará que inclúan o seu número de teléfono móbil e marquen o recadro preparado para iso na declaración do IRPF.

Obriga de declarar

Ten obriga de declarar quen obteña rendas que superen os seguintes límites ou distintas ás sinaladas a continuación:

  • Rendementos íntegros do traballo: 22.000 euros brutos anuais cando procedan dun único pagador ou cando procedan de varios pagadores, sempre que o importe percibido do segundo e restantes, por orde de contía, non supere 1.500 euros anuais.
  • O límite é de 10.000 euros anuais se proceden de varios pagadores e a suma percibida do segundo e restantes supera en conxunto os 1.500 euros anuais; cando o pagador non está obrigado a reter; se se trata de pensións compensatorias do cónxuxe ou de anualidades por alimentos – non sendo que procedan dos pais por decisión xudicial-.
  • Rendementos íntegros do capital mobiliario e ganancias patrimoniais sometidas a retención ou ingreso a conta superiores a 1.600 euros anuais no seu conxunto.
  • Rendas inmobiliarias imputadas derivadas de máis dun inmoble urbano non arrendado distinto da vivenda habitual, rendementos de Letras do Tesouro e subvencións para a adquisición de vivenda de protección oficial ou prezo taxado superiores a 1.000 euros anuais en conxunto.