Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria desmonta unha organización dedicada ao contrabando de alcohol e tabaco en toda España

A Operación Gato Blanco requiriu máis dun ano de investigación. A fraude detectada supera os sesenta millóns de euros. Implicadas unha trintena de persoas e varios depósitos fiscais e fábricas de bebidas derivadas en distintas provincias, pertencentes á organización. A organización chegou a importar fraudulentamente da China máis de corenta colectores de tabaco falsificado. O centro principal encontrábase en Galdácano (Biscaia).

Bilbao, 14 de outubro de 2008. A Axencia Tributaria desmontou unha organización dedicada á fraude masiva do imposto especial e ao contrabando de alcohol, bebidas derivadas e tabaco en toda España. A cifra de fraude estimada podería acadar os sesenta e dous millóns de euros e encóntranse implicadas trinta persoas ás que se considera responsables dos presuntos delitos de contrabando, delito fiscal, falsidade documental, branqueo de capitais e suborno. Estas persoas foron detidas e, unha vez prestada declaración, foron postas a disposición xudicial.

No transcurso das investigacións rexistráronse en todo o territorio nacional once empresas, en concreto nas provincias de Biscaia, Áraba, Barcelona, Murcia, Xixón, Valencia, Guipúscoa, Navarra e Madrid, entre as que se encontran dous depósitos fiscais, dúas fábricas de bebidas derivadas e varias empresas pantalla, ademais de trece domicilios de membros da organización, intervindose abundante documentación, material informático e máis de cen mil botellas de bebidas de diferentes marcas.

Con respecto á fraude en Impostos Especiais, nalgúns casos, a organización falsificou tanto os selos da Aduana de Barcelona como a documentación presentada á administración, declarando a exportación de mercadorías pola Aduana citada cando en realidade foron desviadas a outros países da Unión Europea e ao consumo interno do noso país; e noutros , realizouse a circulación de mercadorías sen presentar a oportuna declaración, eludindo en ambos os dous casos o pagamento dos Impostos Especiais e do Imposto do Valor Engadido (IVE).

No que fai ao contrabando de tabaco, a organización importou fraudulentamente da China máis de corenta colectores de cigarros falsificados de marcas habitualmente consumidas no Reino Unido, varios dos que foron intervidos polos servizos aduaneiros da Axencia Tributaria. Para iso usurpouse a identidade de persoas e empresas, alleas totalmente a esta actividade, e contouse coa colaboración necesaria de diversos axentes de aduanas que foron detidos.

Para poder levar a cabo estas actividades, a organización creou unha estrutura empresarial en que destaca o centro de Galdácano (Biscaia), e utilizou a unha serie de persoas, entre as que se encontran administradores de empresas, homes de palla, expertos en operacións aduaneiras, tanto en materia de xestión de impostos especiais, como en importacións, entre os que se encontran axentes de aduanas e funcionarios.

A investigación levouse a cabo dentro das dilixencias previas 808/07 do Xulgado de Instrución Nº 9 de Bilbao.