A Axencia Tributaria desmantela en Eivissa unha trama de fraude fiscal que adquiriu 40 hoteis por valor de mil millóns de euros
Cometerían delitos de branqueo de diñeiro, contra a facenda pública e contra os dereitos dos traballadores
A Axencia Tributaria, en colaboración coa Policía Nacional, a Inspección de Traballo e a Fiscalía Anticorrupción, desmantelou en Eivissa unha trama de fraude fiscal vinculada a unha importante cadea de hoteis, con establecementos en Eivissa, Mallorca e Praga. O grupo adquiriu na última década corenta establecementos hoteleiros cun valor de mercado próximo aos mil millóns de euros. A posible fraude á facenda pública do Estado superaría os 14 millóns de euros.
Na operación, realizada a última fin de semana de maio de 2010, participaron 26 funcionarios da Axencia Tributaria, sete inspectores de Traballo, dous fiscais anticorrupción, a Fiscalía de Eivissa e a Brigada de Delitos Económicos da Policía Xudicial das Baleares. A fraude realizouse dentro dun importante conglomerado hoteleiro que xestiona máis de 70 hoteis en Eivissa, Mallorca e Praga. Este conglomerado hoteleiro explota máis de 10.000 camas.
Este grupo tiña un volume de negocios, segundo os tour-operadores, próximo aos 36 millóns de euros anuais. Porén, non ingresou cota algunha correspondente ao Imposto de Sociedades nin ao IVE. Para eludir a tributación usaban máis de 300 sociedades diferentes, ás que cambiaban constantemente o domicilio, dificultando adxudicar o beneficio empresarial a calquera sociedade. As cotas defraudadas superarían os 7.500.000 para o Imposto de Sociedades e 7.000.000 para o IVE.
Paralelamente á explotación dos hoteis, entre 2001 e 2010 o grupo de sociedades adquiriu 40 hoteis cun valor de mercado próximo aos mil millóns de euros. Para esta adquisición constituiuse un alto número de sociedades participadas por outras sociedades andorranas, que achegaron elevadas sumas de divisas para o financiamento, dandose así un posible delito de branqueo de capitais ou autobranqueo.
Tamén a Inspección de Traballo detectou múltiples delitos a gran escala contra os traballadores e fraude nas cotas da Seguridade Social. Constituíron varias empresas de traballo temporal na República Checa para contratar traballadores de nacionalidade romanesa, que traballaban de maneira irregular nos hoteis.
Todos os posibles delitos foron planificados e controlados, supostamente, por unha soa persoa, un importante empresario hostaleiro, actualmente posto a disposición xudicial.
A operación, denominado ‘Trono’, ten a súa orixe nun informe de denuncia da Axencia Tributaria, presentado á Fiscalía Anticorrupción en Madrid. Pola súa banda, a Inspección de Traballo comunicou á Fiscalía de Eivissa a posible comisión de delitos de tráfico ilegal de man de obra e de fraude á Seguridade Social.
Os medios interesados en imaxes da operación poden pórse en contacto co Gabinete de Prensa da Axencia Tributaria.