Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria habilita un servizo de pagamento de débedas de dereito público por teléfono para persoas físicas

O servizo entra en funcionamento hoxe, 1 de decembro, e accédese a través do número 901 200 350.

 A Axencia Tributaria habilitou hoxe un servizo de pagamento de débedas  de dereito público xestionadas pola Axencia Tributaria  por teléfono para persoas físicas, non xurídicas, a través do número 901 200 350. Desta maneira, os contribuíntes que recibisen requirimentos de pagamento de débedas coa administración tributaria poderán efectuar os pagamentos a través do teléfono e evitar así desprazamentos a entidades financeiras.

O contribuínte que queira utilizar este novo servizo deberá comunicar ao Centro de Atención Telefónica da Axencia Tributaria que quere realizar o pagamento por teléfono, para o que se lle requirirá o seu NIF e o número de referencia do requirimento de pagamento que haberá recibido por correo certificado. Para realizar o pagamento, que se fai mediante cargo en conta, o contribuínte deberá achegar un número de conta sobre a que facer o cargo. O titular desa conta deberá ser o titular da débeda. Posteriormente poderá recibir o xustificante de pagamento por correo, ou por unha SMS que lle proporcionará un código co que, a través da sede electrónica da Axencia Tributaria, poderá acceder ao seu xustificante. Calcúlase que 750.000 contribuíntes poderanse beneficiar por este novo sistema cada ano.