Saltar ao contido principal

A recadación da Axencia Tributaria por loita contra a fraude crece un 25% sobre o previsto ata xullo

 - Dos 6.415 millóns de ingresos obtidos, un 76,9% correspóndese con recadación directa por actuacións de control

- Medran un 10,4% as actuacións inspectoras, un 47,3% a comprobación das declaracións de IVE e un 19,9% os ingresos por xestión recadadora de débeda en vía executiva

- A AEAT mantén aberto un programa especial de 12.000 actuacións presenciais para combater a economía mergullada

 

A directora xeral da Axencia Tributaria, Beatriz Viana, presentou hoxe o avance ata o mes de xullo dos resultados das actuacións de prevención e loita contra a fraude. Nos sete primeiros meses de 2012, a cifra orzada superouse nun 25 %ata acadar os 5.838 millóns de euros. A recadación total vinculada á loita contra a fraude, que ademais dos ingresos anteriores inclúe os derivados de declaracións extemporáneas e expedientes de delito fiscal, acadou os 6.415 millóns de euros, un 15,3% máis que no mesmo período de 2011.
Máis de tres cuartas partes da cifra global, 4.933 millóns de euros, correspóndese coa recadación directa xerada polas actuacións de control, que aumenta un 33,7% con respecto ás cifras obtidas entre xaneiro e xullo do pasado ano. Esta mellora supón ingresar 1.240 millóns de euros máis por este concepto que en igual período do pasado ano.
Destes 4.933 millóns de euros recadados en concepto de ingresos por actuacións de control, un 27,5% derivan de actuacións da Delegación Central de Grandes Contribuíntes.
No mesmo período rexistráronse uns ingresos por minoración de devolucións de 905 millóns de euros, o 12,2% menos que entre xaneiro e xullo de 2011. A razón principal deste descenso é a paralela diminución que se produciu no importe das solicitudes de devolución presentada polos contribuíntes.


Reforzo de actuacións
Estes resultados acadados ata xullo en materia de loita contra a fraude vense acompañados dun reforzo da actividade inspectora, un ámbito en que de xaneiro a xullo incrementáronse un 10,4% as actuacións con respecto ao mesmo período de 2011.
Non obstante, a Axencia Tributaria tamén considerou necesario reforzar aquelas actuacións de control que realiza cun carácter máis extensivo. Neste terreo, as actuacións medran un 27,8%, destacando moi especialmente a comprobación das declaracións de IVE, que aumenta un 47,3%.
En paralelo, a Axencia Tributaria logrou mellorar sensiblemente a súa capacidade para ingresar débedas previamente liquidadas. Entre xaneiro e xullo, as actuacións de recadación en fase executiva con ingreso traducíronse en máis de 3.600 millóns de euros, cun crecemento do 19,9 %sobre as cifras obtidas ata xullo do pasado ano.
Ao mesmo tempo, e de acordo co previsto nas Directrices do Plan de Control Tributario de 2012, a Axencia levou a cabo actuacións inspectoras aproveitando novas fontes de información. No ámbito internacional, e en virtude dos convenios e acordos de intercambio de información subscrita con países que deixaron de ter a consideración de paraísos fiscais (Andorra, Panamá e as Bahamas, entre outros), efectuáronse requirimentos de información con respecto a 142 sociedades e 239 persoas físicas.
Pola súa parte, desde este mes de setembro a Axencia Tributaria está conseguindo información sobre titulares de caixas de seguridade, para o que xa remitiu requirimentos a 51 entidades financeiras.
Xunto a estas actuacións de captación de información, a Axencia Tributaria comeza a obter resultados a partir da explotación dos datos sobre consumo eléctrico, cuxo análise derivou no inicio de 4.500 actuacións de investigación sobre inmobles en alugamento. Nalgunhas áreas xeográficas a Axencia Tributaria detectou que un 75% destes arrendamentos non estaban sendo declarados.
Tamén a información sobre o consumo de luz levou a realizar máis de 750 visitas a vivendas que se declaran como residencia habitual e que poderían ser realmente segundas residencias. Neste caso a inspección detectou risco fiscal no 70 %dos casos analizados.


Plan especial contra a economía mergullada
O contexto económico tamén levou a Axencia Tributaria á decisión de establecer un plan especial contra a economía mergullada. Desde a pasada primavera, a Axencia vén desenvolvendo un programa con máis de 12.000 actuacións presenciais en sectores ou áreas de relevancia socioeconómica, que continuará nos próximos meses.
Ata agora, a Axencia Tributaria conseguiu xa información de máis de 5.700 actuacións e, en preto dun 37 %dos casos detectou situacións que considera de risco fiscal, o que se traducirá en actuacións adicionais. O obxectivo deste plan é dobre: desalentar a utilización de prácticas de elusión tributarias asentadas durante anos en determinados sectores e actividades, e fomentar a concienciación tributaria cidadá.