Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria ampliará dous días o prazo para presentar declaracións con domiciliación bancaria que vence neste domingo

  • Un total de 16 modelos de declaración de IRPF, IVE, Sociedades e Impostos Especiais poderán presentarse ata o día 17 para os pagamentos con domiciliación  bancaria.

  • A elevadísima demanda xerada polas solicitudes do borrador de Renda, os trámites de pagamentos a provedores e a presentación de autoliquidacións tributarias periódicas elevaron a demanda na páxina web da Axencia a picos de máis de 8.000 conexións por segundo.

  • Ás 12 da mañá de hoxe os contribuíntes solicitaran xa por Internet 760.362 borradores e datos fiscais a través do sistema RENO, e confirmaran 250.462 borradores.
  • Máis do 17 %dos provedores aceptaron xa as condicións establecidas polas Corporacións Locais no Plan de pagamento de facturas, a través da web da Axencia, seis puntos por riba das cifras do día 10.

  • A Axencia Tributaria segue traballando para devolver o servizo á completa normalidade.

A Axencia Tributaria ampliou en dous días o prazo que vencía este domingo para a presentación de autoliquidacións periódicas con domiciliación, de maneira que os contribuíntes poidan dispor dun maior marxe para cumprir coas súas obrigas ante a fortísima demanda de acceso á web que se está rexistrando nestes últimos días. Para iso, e facendo partícipes as Entidades Colaboradoras, xa se está procedendo ás modificacións normativas e procedementos informáticos correspondentes.

Ante as dificultades de acceso á sede electrónica provocada pola forte demanda dos servizos de asistencia postos a disposición dos cidadáns na Campaña de Renda 2011, a Axencia Tributaria encóntrase tramitando nestes momentos as modificacións normativas precisas para prorrogar dous días o próximo prazo de presentación de declaracións con domiciliación bancaria do pagamento.

A medida afectará un total de 16 modelos de declaración máis importantes (basicamente para a liquidación de pagamentos trimestrais e mensuais do IRPF, Imposto sobre Sociedades, IVE e Impostos Especiais) cuxo próximo prazo de presentación con domiciliación bancaria prorrogarase do 15 de abril ao 17 de abril.

A Axencia Tributaria lamenta profundamente os inconvenientes que está xerando esta situación, provocada pola confluencia de tres factores: o aluvión de solicitudes de borradores e datos fiscais de Renda a través do sistema REN0, os trámites en liña de provedores e concellos no marco do Plan de pagamento de facturas establecidas polo Goberno e a presentación telemática das declaracións tributarias que periodicamente efectúan os contribuíntes.

Estes tres factores chegaron onte a provocar unha demanda de intercambio de datos na páxina da Axencia Tributaria de máis de 8.000 conexións por segundo, provocando unha evidente dificultade para atender o servizo.

 

Evolución de borradores de Renda e devolucións


Malia iso, e en relación coa campaña de Renda, ás 12 da mañá de hoxe, a Axencia rexistrou xa 760.372 solicitudes do borrador e datos fiscais a través da páxina web no sistema REN0. A esa mesma hora os contribuíntes confirmaran 250.462 borradores.

Comparando os dous primeiros días de campaña de 2011 e 2012 (IRPF 2010 e 2011), o número de borradores e datos fiscais visualizados multiplicouse por 3,2, acadando a cifra de 1.634.446. Ao mesmo tempo, acordáronse xa 17.294 devolucións, fronte ás 5.475 do pasado ano no mesmo período.

Tamén como proba da paulatina mellora do servizo na web da Axencia, actualmente o 17,14% dos provedores, ben persoalmente, ben a través dos concellos, completaran xa o trámite de aceptación das súas facturas no marco do Plan de Pagamento, o que supón seis puntos máis que o día 10.