Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria reforzará a loita contra os arrendamentos non declarados, a fraude de profesionais, e as rendas ocultas no exterior

O plan anual, que consta dunha batería de actuacións en todos os ámbitos dos diferentes departamentos, será acompañado proximamente dunha serie de medidas normativas entre as que está a limitación do uso de efectivo.

 A Axencia Tributaria publicou esta mañá a través do Boletín Oficial do Estado as directrices xerais do Plan de Control Tributario 2012, que é o principal instrumento de planificación na loita contra a fraude fiscal. O obxectivo para este exercicio é acadar uns ingresos de 8.171 millóns de euros por actuacións directas de control, un 8 por cento máis que o obxectivo do ano anterior.

Para iso destacan, dentro do Plan de Control 2012, unha serie de medidas específicas:

- Loita contra a economía mergullada. Control dos arrendamentos de vivendas e negocios non declarados, para o que se conta xa coa información dos consumos eléctricos de máis de 35 millóns de inmobles en España, así como o control das mercadorías  procedentes de Asia, tanto na súa importación como na súa venda polo miúdo.
- Loita contra a fraude que xera alarma social. Perseguirase o emprego de facturas falsas, a non facturación por bens e servizos, e os abusos de formas societarias abusivas que se empregan por parte de colectivos de profesionais, deportistas e artistas. Sobre este colectivo iniciaranse 1.436 actuacións inspectoras, un 14 por cento máis que o exercicio anterior.
- Loita contra as rendas no exterior. A Axencia Tributaria utilizará a partir deste ano a información relevante a efectos fiscais de residentes españois con contas, ou fundacións, ou estruturas societarias, en Suíza, Andorra, Panamá, Bahamas ou Antillas Neerlandesas, entre outros países. Este importante avance vaise a realizar en virtude dos acordos de intercambio de información efectiva, baixo parámetros da OCDE, que se asinan con boa parte dos países antes considerados paraísos fiscais e que entrarán en vigor en 2012.
- Loita contra a fraude no tabaco de contrabando. A Axencia Tributaria perseguirá o comercio de tabaco de contrabando e as tramas criminais que o sustentan e que producen un grave prexuízo  por competencia desleal. Ata febreiro de 2012 hanse aprehendido 3,5 millóns de paquetes de tabaco falso ou de contrabando, fronte a un millón no mesmo período de 2011. Tamén se reforzarán as actuacións contra a falsificación de marcas.
- Loita contra a fraude na recadación. Recuperar as débedas de quen se poden declarar insolventes sen sero ou que ocultan patrimonio é un dos principais obxectivos da Axencia Tributaria. Para iso reforzaranse os embargos preventivos de bens e dereitos, intentaranse asegurar os pagamentos de débedas correspondentes a delito fiscal e solicitarase o ingreso en prisión dos condenados que, sen ser insolventes, non cumpran a execución das sentenzas. Ademais farase un seguimento continuo de debedores recorrentes para establecer a súa situación patrimonial e a do seu medio.
- Coordinación con outras administracións tributarias. Perseguirase especialmente a planificación fiscal abusiva que pretenda beneficiarse indebidamente das diferenzas normativas, en particular cos territorios forais.

Como complemento do plan anual de control 2012 desenvolveranse medidas normativas, aínda en fase de análise técnico, como son:

- Limitación do uso de efectivo en determinadas transaccións económicas.
- Limitación do uso abusivo de determinados aspectos do Imposto sobre Sociedades.
- Medidas para consolidar o sistema de reacción precoz fronte aos fraudes na acción recadadora de débedas, producir melloras na investigación patrimonial e recadación eficaz de responsabilidades civís e multas por delitos contra a Facenda pública.

Por último, á Axencia Tributaria gustaríalle lembrar que a forma máis eficaz da loita contra a fraude consiste na prevención do mesmo e a responsabilidade cidadá á hora de pagar impostos. Para iso mellorará os mecanismos para a corrección de pequenos incumprimentos de forma voluntaria, así como nos servizos de prestación de axuda no cumprimento, como os borradores do IRPF. A Axencia Tributaria lembra que a fraude é un problema de todos e que as posturas tolerantes benefician a uns poucos en prexuízo de moitos.