Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria desmantela unha trama de contrabando de maquinaria destinada ao programa nuclear de Irán

 - Unha empresa de Durango chegou a enviar á república iraniana sete maquinas que estaban destinadas á fabricación de compoñentes para turbinas utilizadas en plantas de xeración de enerxía

- Para eludir o control aduaneiro, a exportadora española utilizaba unha sociedade tapadeira radicada en Turquía

- Os responsables poderíanse enfrontar a penas de prisión e a unha multa de ata seis millóns de euros

A Axencia Tributaria desmantelou unha trama de contrabando de maquinaria que violaba o embargo internacional decretado contra Irán polo Consello de Seguridade da Nacións Unidas. De acordo coas investigacións realizadas ata agora, esta maquinaria tería por destino o programa de proliferación nuclear da república iraniana. A empresa exportadora, unha sociedade domiciliada en Durango (Bizkaia), realizaban o envío prohibido pola ONU utilizando unha empresa tapadeira de Istambul. Os responsables da trama poderíanse enfrontar agora a penas de prisión e multas de ata seis millóns de euros.

Na primeira fase da operación, denominada ‘Kakum’,  a Axencia Tributaria detectou, nos primeiros meses de 2012, actividades sospeitosas por parte dunha empresa de Durango. En setembro de 2009, a esta sociedade fóralle denegada polas autoridades competentes a licenza de exportación a Irán de sete maquinas para a fabricación de hélices de turbinas utilizadas en plantas de xeración de enerxía, por considerarse susceptible de utilización no programa nuclear iraniano.

Para solucionar a denegación da autorización a trama agora descuberta deseñou, en conivencia coa empresa iraniana, unha estratexia conducente a eludir os controis aduaneiros de exportación e enviar de contrabando a citada maquinaria a Irán.

Para iso, serviuse dunha empresa intermediaria que a sociedade iraniana compradora creara en Turquía con fins meramente instrumentais. Desta forma, ante a Aduana española, formalmente, o destino final da maquinaria era Istambul. Porén, a realidade era outra, xa que a mercadoría, unha vez chegaba a Istambul, era enviada inmediatamente a Teherán, o seu verdadeiro destino.

Comunicados os feitos á Autoridade Xudicial, o pasado 13 de novembro executouse a segunda fase da Operación ‘Kakum’. Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, en funcións de Policía Xudicial, e expertos informáticos da Delegación Especial  da Axencia no País Vasco, rexistraron as instalacións da empresa e se incautaron de abundante documentación e material informático, que nestes momentos está sendo estudado por expertos da Axencia Tributaria.

Vulneración da normativa de seguridade

Os responsables da trama, acusados de contrabando, enfróntanse a penas de prisión e a unha multa de ata o séxtuplo da mercadoría exportada. Xa que as sete máquinas enviadas a Irán teñen un valor total estimado de 955.000 euros, as sancións poderían rondar os seis millóns de euros.

A operación ‘Kakum’ puxo de manifesto que a trama implicada vulnerou as leis españolas sobre control do comercio exterior de material de defensa e de dobre uso, así como a normativa comunitaria na materia. Igualmente, veríanse vulnerados os compromisos internacionais adquiridos por España no fomento da paz, a estabilidade ou a seguridade no ámbito mundial e rexional e os intereses xerais da defensa nacional ou da política exterior do Estado.

De igual forma, queda demostrada a falta da dilixencia debida por parte da empresa na loita contra a proliferación de armas de destrución masiva, que esixe dos Estados e das empresas con capacidade para exportar produtos ou tecnoloxías susceptibles de ser utilizados nos devanditos programas de proliferación, impedir a subministración directa ou indirecta de sistemas de armas e de produtos susceptibles de ser utilizados en programas nucleares e de mísiles.

A operación ‘Kakum’ iniciouse nos habituais controis que a Dependencia Rexional de Aduanas do País Vasco da Axencia Tributaria realiza sobre as operacións de comercio exterior efectuadas a través dos recintos aduaneiros da Comunidade Autónoma e sobre as empresas do sector, e, neste caso concreto, sobre as exportacións de mercadorías e tecnoloxías susceptibles de contribuír a programas de proliferación nuclear.

Recursos audiovisuais

Filmación e fotos da documentación e o operativo da operación 'Kakum' (contactar co Gabinete de Prensa da AEAT)