Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria desarticula en Cataluña e Valencia unha trama de fraude ao IVE no sector de hidrocarburos

Operación ‘Raspa’

- A organización defraudou máis de 10 millóns de euros ao apropiarse do IVE repercutido ao subministrar o carburante ás gasolineiras

- Rexistráronse sete domicilios, coa intervención de 700.000 euros en efectivo e o bloqueo de contas bancarias da trama

- A Axencia inmobilizou máis dun millón de litros de combustible e acordou a prohibición de dispor de oito inmobles


8 de abril de 2013.-
A Axencia Tributaria desmantelou unha organización dedicada á intermediación no negocio de carburantes que, mediante a apropiación do IVE cobrado pola subministración de hidrocarburos a gasolineiras, podería defraudar a Facenda Pública máis de 10 millóns de euros.

As investigacións da Axencia culminan o pasado día 22 de marzo, cando axentes de Vixilancia Aduaneira, co apoio doutros funcionarios da Axencia Tributaria, practicaron sete entradas e rexistros en domicilios de distintas localidades de Girona, Lleida, Barcelona e Castellón e tomaron declaración a sete persoas, catro en calidade de detidos, ás que se lles imputa a comisión de varios delitos fiscais.

A operación, denominada ‘Raspa’, iníciase a partir dunha denuncia formulada pola Delegación Especial da Axencia Tributaria en Cataluña o pasado mes de xullo de 2012, que tiña a súa orixe en investigacións previas levadas a cabo polas Dependencias de Inspección e de Aduanas e Impostos Especiais da devandita delegación.

A consecuencia da denuncia, a Fiscalía de Delitos Económicos de Barcelona presentou unha querela que deu lugar á apertura de dilixencias polo Xulgado de Instrución nº 28 de Barcelona, cuxa titular ordenou as actuacións levadas a cabo pola Axencia.

Modus operandi

As persoas implicadas viñan operando no sector dos combustibles mediante a venda ao por maior a gasolineiras. O esquema da fraude, centrado no IVE, consistía en utilizar sociedades de moi curta vida para adquirir legalmente carburantes nun Depósito Fiscal (maiorista de hidrocarburos), adquisicións en que non se soporta o imposto.

Posteriormente, estas sociedades vendían o carburante a estacións de servizo repercutindo o IVE, pero non ingresaban á Facenda Pública as cotas que repercutiran e cobrado ás gasolineiras. Para evitar a detección da fraude, os responsables substituían cada poucos meses ás sociedades de que se servían para a operativa e situaban como responsables formais das mesmas a meros homes de palla.

A apropiación das cotas de IVE permitía vender o produto aos retallistas a uns prezos inferiores aos que ofrecían os operadores que si cumpren a obriga de ingresar á Facenda Pública o imposto repercutido aos seus clientes. En relación con iso, poderían chegar a esixirse responsabilidades aos retallistas que adquirisen, a esta ou outras tramas, carburantes a prezos notoriamente inferiores aos de mercado.

Bloqueo de contas bancarias e carburante

Na operación, interviñéronse 700.000 euros en efectivo, bloqueáronse as contas bancarias da trama, inmobilizouse máis dun millón de litros de carburante en Barcelona, Huelva e Bilbao e acordouse a prohibición de dispor sobre oito inmobles, todos eles situados en Cataluña. Igualmente, interveuse abundante documentación e hanse incautados diversos ordenadores cuxo contido será analizado nos próximos días.

A Axencia Tributaria mobilizou no operativo a 32 funcionarios de Vixilancia Aduaneira de Cataluña e Castellón, canda outros 17 inspectores, técnicos e expertos informáticos. Tamén se contou co apoio de funcionarios de Andalucía e o País Vasco para a inmobilización do produto petrolífero nos depósitos fiscais.

A actividade defraudatoria desmantelada agora na operación ‘Raspa’ segue pautas moi similares á que desenvolvía a trama desarticulada pola Axencia Tributaria en Andalucía o pasado outono no marco da operación ‘Hidro’. Naquela ocasión a fraude xerada á Facenda Pública estimouse en máis de 9 millóns de euros. A operación ‘Hidro’ saldouse coa detención de catro persoas imputadas por presunto delito fiscal, así como a intervención de 15 inmobles, dúas embarcacións de recreo e máis de 3,3 millóns de euros en contas bancarias.