Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria desmantela en Pontevedra unha trama de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico

Operación ‘Cisne’

  • Detidas 8 persoas, embargados os seus inmobles e vehículos e bloqueadas as súas contas bancarias 
  • Os capitais branqueados valóranse en 4 millóns de euros 

05 de xuño de 2013.- a Axencia Tributaria desmantelou onte, 4 de xuño, unha trama de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico que se saldou coa detención de 8 implicados e a realización de 5 rexistros domiciliarios nos municipios pontevedreses de Vilanova de Arousa e Poio.

Na operación, denominada operación ‘Cisne’ procedeuse ao bloqueo de contas bancarias dos detidos, así como ao embargo de todos os seus bens inmobles e vehículos.

Os detidos, pertencentes a un grupo familiar con varios membros con antecedentes por narcotráfico, pasarán a partir de hoxe a disposición xudicial.

Durante as investigacións, de varios meses de duración, analizáronse os movementos patrimoniais dos investigados desde o ano 1993, descubrindose importantes investimentos patrimoniais de orixe descoñecida na compra de varios buques e licenzas de pesca e a constitución de diversas sociedades para ocultar a procedencia dos bens. As sociedades constituídas con esta finalidade tiñan domicilios no Reino Unido e Belize.

Coas ganancias obtidas presumiblemente da actividade de tráfico de drogas, realizáronse polos agora detidos importantes investimentos en inmobles (construción dun chalé de carácter suntuario,  compra de locais comerciais, pisos..) e varios vehículos, xa directamente xa a través de sociedades pantalla a nome do medio familiar ou de homes de palla. Os cálculos iniciais sinalan que a cifra total branqueada puidese rondar os 4 millóns de euros.

A investigación, foi realizada polo Grupo de Branqueo de Capitais de Vixilancia Aduaneira de Coruña,  e dirixida polo Xulgado de Instrución nº 2 de Vilagarcía de Arousa e a Fiscalía Antidroga de Pontevedra.