Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria adxudicou en poxa máis de 500 diamantes e esmeraldas cun incremento do 51% sobre o prezo de saída

Vinte lotes vendidos en poxa por 301.000 euros

  •  Todos os lotes foron adxudicados en primeira poxa, non quedando ningún deserto
  • Algúns lotes duplicaron ou triplicado o prezo de saída

07 de xuño de 2013.- A Delegación Especial da Axencia Tributaria en Madrid poxou onte, 6 de xuño, máis de 500 esmeraldas e diamantes procedentes de distintas incautacións realizadas pola AEAT. As xoias, cun valor de taxación de 199.000 euros, finalmente vendéronse por 301.000 euros, un incremento do 51 %sobre o prezo de saída.

Todos os lotes foron adxudicados en primeira poxa. Non houbo necesidade de acudir a unha segunda poxa (con rebaixa do tipo de saída), nin quedou deserto ningún lote.

Concretamente poxáronse 242 esmeraldas e 264 diamantes, así como 187 quilates de “po de diamante”. Todos os lotes adxudicáronse por un importe superior ao tipo de saída, agás  un lote de esmeraldas que se adxudicou polo seu tipo de saída.

Por categorías, os diamantes adxudicáronse en 200.000 euros (53% de incremento sobre o tipo de saída, de 131.000 euros), e as esmeraldas en 99.000 euros (46% de incremento sobre o tipo de saída, de 68.000 euros). Un lote de esmeraldas triplicou o prezo de saída e tres lotes de diamantes e dous de esmeraldas duplicárono.

Os compradores teñen 15 días para ingresar as cantidades polas que adquiriron as pedras na conta ‘Axencia Estatal de Administración Tributaria, Dependencia de Aduanas’.

Os diamantes e esmeraldas poxados proceden, en todos os casos, de incautacións levadas a cabo pola Axencia Tributaria, no marco do seu habitual control aduaneiro de mercadorías e pasaxeiros.

Os diamantes foron incautados en dúas actuacións de 2000 e 2001 realizadas polo servizo de viaxeiros da Aduana de Barajas. As esmeraldas proveñen dunha investigación conxunta da Aduana e Policía Nacional realizada en 1993 por branqueo de diñeiro a través da adquisición de pedras preciosas.