Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria poxa en Madrid máis de 500 diamantes e esmeraldas procedentes de incautacións

Vinte lotes cun valor de taxación de 200.000 euros

  •  As xoias éxpónse publicamente nas dependencias da sociedade Yanes Bros SL desde hoxe ata o 6 de xuño, día da poxa 
  • Aínda que a poxa se dirixe a profesionais e investidores, pode acudir calquera particular sen necesidade de constituír un depósito previo

21 de maio de 2013.- A Delegación Especial da Axencia Tributaria en Madrid realizará o vindeiro 6 de xuño unha poxa de máis de 500 esmeraldas e diamantes procedentes de distintas incautacións realizadas pola AEAT. As xoias, cun valor de taxación de 199.446 euros, exporanse publicamente desde hoxe mesmo nas dependencias da sociedade Yanes Bros SL (c/ Goya 27, Madrid), responsable da execución da poxa.

Os bens obxecto da poxa son 242 esmeraldas e 264 diamantes, así como 187 quilates de “po de diamante”. No caso das esmeraldas, a poxa está dividida en nove lotes cun total de 361,73 quilates valorados en  68.288 euros. O lote de maior valoración está composto por sete esmeraldas que suman 27,23 quilates e unha valoración de 800 euros por quilate, ata un total para o lote de 21.784 euros.

A poxa inclúe tamén oito lotes de pedras de diamante, dos que o de maior valoración, 23.107 euros, comprende 14 diamantes cun peso total de 12,79 quilates e un valor de saída de 1.806 euros por quilate. Ademais, poxaranse tres lotes de “po de diamante” de distintas cores (amarelo, negro, azul e branco) cun peso total de 187 quilates e un valor conxunto de saída de 28.025 euros. A valoración global de partida para os lotes de diamantes, que suman 308,25 quilates, acada os 131.158 euros.

Aínda que a poxa vai dirixida especialmente a profesionais do sector e investidores, está aberta a todo o público. Os lotes con menor valoración parten dos 750 euros no caso das esmeraldas e os 905 euros no dos diamantes. Para participar non se esixe ningún requisito previo e non cómpre constituír depósito algún. No caso de que algún ben quede deserto, terminada a primeira licitación realizarase unha segunda cun tipo de licitación que será o 75% da primeira poxa.

Xoias con pasado

Os diamantes e esmeraldas obxecto da poxa proceden, en todos os casos, de incautacións levadas a cabo pola Axencia Tributaria, no marco do seu habitual control aduaneiro de mercadorías e pasaxeiros.

No caso dos diamantes, as incautacións derivan de dúas actuacións realizadas polo servizo de viaxeiros da Aduana de Barajas. A primeira actuación tivo lugar o 13 de novembro de 2000, como consecuencia da información facilitada polas autoridades aduaneiras do aeroporto de Xenebra. Seguindo os procedementos de asistencia mutua con terceiros estados, as autoridades suízas poñen en coñecemento das españolas a identidade dun pasaxeiro con pasaporte francés que se dispón a tomar un voo con destino a España e que é portador de pedras preciosas. Á chegada do voo, e tras o paso do pasaxeiro polo circuíto “nada que declarar”, é recoñecido polas autoridades españolas, descubrindo as pedras nun sobre de cor marrón.

A segunda das incautacións tivo lugar o 24 de abril de 2001, tamén coa actuación do servizo de viaxeiros da Aduana de Barajas, pero neste caso con motivo dun intento de exportación irregular. Como consecuencia do recoñecemento efectuado a un pasaxeiro de nacionalidade israelí, que é sometido ao correspondente control radiolóxico de seguridade cando se dispuña a tomar un voo con destino a Suíza, a Axencia Tributaria descubre 134 diamantes que se encontraban no peto interior  da súa chaqueta.

Pola súa parte, as esmeraldas proveñen dunha investigación conxunta da Aduana e Policía Nacional realizada en 1993, en que se pretendía determinar un posible branqueo de diñeiro a través da adquisición de pedras preciosas. As investigacións preliminares realizados levan á detección dunha viaxeira procedente de Colombia. Tras realizar un seguimento da sospeitosa, obsérvase que, á súa chegada a Madrid, esta viaxeira contacta cunha persoa. Ambos os dous trasládanse a Málaga, onde finalmente se lles intercepta, comprobando que a persoa procedente de Colombia portaba as esmeraldas que son obxecto de poxa.

Desde o momento do seu apresamento, todas as xoias permaneceron custodiadas en caixas fortes da Delegación Especial de Madrid da Axencia Tributaria, á espera da conclusión dos procedementos xudiciais oportunos e á posterior decisión xudicial que outorgou á Axencia a potestade para o alleamento dos bens que agora se poxan.