Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria advirte dun intento de fraude tipo 'phishing' a través de Internet

  • O engano fai referencia a un suposto reembolso dun imposto e suplanta a imaxe da Axencia Tributaria

26 de setembro de 2013.- A Axencia Tributaria detectou un envío de comunicacións por correo electrónico en que, suplantando a súa identidade e imaxe, indícase que: “Despois do último cálculo sobre as actividades fiscais decidimos que lle corresponde un reembolso do imposto en valor de 384,56 euros. Para recibir o devandito reembolso, completar e mandar o formulario do imposto a devolver”.

Posteriormente, solicítase o acceso a unha ligazón que leva a un enderezo en que se suplanta novamente a identidade e imaxe da Axencia Tributaria e solicítase o envío do número de DNI, NIF ou pasaporte, e a data de nacemento. Na seguinte pantalla solicítanse números e claves dunha tarxeta de crédito.

O envío destes correos fraudulentos, coñecidos como ‘phishing’, foi detectado a primeira hora da mañá de hoxe grazas á colaboración dos internautas, que se puxeron en contacto cos servizos de información da Axencia Tributaria. Xa se tomaron as medidas necesarias para perseguir este intento de fraude, ir bloqueando as páxinas que intentan suplantar a imaxe da Axencia e impedir que os servidores vinculados coa fraude poidan recibir os datos de contribuíntes.

A Axencia Tributaria lembra que nunca solicita por correo electrónico información confidencial, económica ou persoal, nin números de conta, nin números de tarxeta dos contribuíntes.

A primeira medida para combater o ‘phishing’ é a prevención dos usuarios ante comunicacións sospeitosas que inclúan a petición de datos bancarios. Resulta moi conveniente que o cidadán que teña coñecemento dun caso de ‘phishing’ recibido por correo electrónico remita á Axencia Tributaria o correo orixinal para que sexa posible a análise do correspondente enderezo web. A Axencia Tributaria agradece a colaboración cidadá para informar deste tipo de fraudes.