Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria rexistra unha trintena de establecementos que utilizan programas informáticos para ocultar vendas

Operación ‘Scarpe’

  • As empresas, do sector do calzado e o téxtil, poderían ocultar ata un 30% da súa facturación real
  • Un ‘software de dobre uso’ permitía alterar diariamente a contabilidade a vontade de cada establecemento, reducindo o número e importe das operacións rexistradas
  • As prácticas defraudatorias concentrábanse nas vendas en efectivo, polo que as operacións con tarxeta chegaban a representar ata o 95% de toda a facturación declarada
  • O operativo, desenvolvido polo Departamento de Inspección, contou coa intervención da Unidade de Auditoría Informática da ONIF e de nove dependencias de Inspección, coa participación de 107 funcionarios

 

13 de xuño de 2014.- A Axencia Tributaria completou unha actuación de gran envergadura en relación con establecementos do sector do calzado e o téxtil que utilizaban programas informáticos para ocultar unha porción relevante das súas vendas, que podería chegar ata o 30% da facturación real. As empresas investigadas concentraban as prácticas defraudatorias nas operacións de efectivo, que facían desaparecer parcialmente da contabilidade, a diario e á súa vontade, para rebaixar sensiblemente os ingresos, para os efectos da tributación polo Imposto sobre Sociedades.

O operativo, desenvolvido onte de maneira simultánea en nove comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Baleares, Cantabria, Castilla y León, Cataluña, La Rioja, Madrid e Comunidade Valenciana) no marco da operación ‘Scarpe’, levou o rexistro dos sistemas informáticos existentes en 29 establecementos pertencentes a 11 sociedades.

Mediante este acceso directo aos equipos informáticos dos establecementos rexistrados espérase obter os datos reais de actividade e vendas das empresas nos últimos exercicios para poder determinar as cotas defraudadas grazas ao emprego de programas informáticos que permitían levar unha dobre contabilidade con ocultación parcial das operacións.

 

Funcionamento do ‘software de dobre uso’

O Departamento de Inspección analizara xa programas de análogas características que producían esta alteración contable. O ‘software’ utilizado, denominado ‘de dobre uso’, permitía modificar as cifras reais de facturación para facer constar contablemente un menor número de vendas e cun importe inferior. Ao final de cada día, os establecementos contaban cunha desagregación das vendas en efectivo declarado e as non declaradas.

Os importes declarados á Axencia Tributaria resultaban sensiblemente inferiores aos que se corresponderían coa facturación real destas sociedades, ata o punto de que algunhas delas chegaban a declarar perdas nalgúns exercicios, ou marxes de beneficios moi reducidos, mentres que a facturación anual tamén declarada situábase entre o millón e os 10 millóns de euros.

Igualmente, e de acordo coas investigacións realizadas, puidose determinar a desproporción existente entre as operacións con tarxetas de crédito e débito que contabilizaban estas empresas, chegando, incluso, ao 95 %das vendas declaradas, e as efectuadas en efectivo, circunstancia motivada pola concentración de toda a ocultación de actividade nos cobramentos en efectivo. Tamén se puido determinar que tanto as empresas como os seus socios contaban con situacións patrimoniais folgadas e elevadas sumas en contas bancarias.

As actuacións, dirixidas polo Departamento de Inspección Financeira e Tributaria da Axencia Tributaria, contaron coa intervención da Unidade Central de Auditoría Informática da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF), e das dependencias de Inspección de nove delegacións da Axencia. En total, no operativo participaron 107 funcionarios da Axencia Tributaria.

 

Loita contra as vendas en negro

A operación ‘Scarpe’ (zapatos, en italiano), enmárcase nas directrices do Plan de Control Tributario deseñado pola Axencia Tributaria para este ano 2014, que considera prioritarias, na súa loita contra a economía mergullada, as actuacións contra o emprego de medios informáticos para a ocultación de actividade económica e a realización de actuacións presenciais con apoio de persoal especializado en técnicas de auditoría informática, ao obxecto de detectar situacións de leva de dobre contabilidade ou de ocultación parcial da actividade.

En concreto, o ‘software’ utilizado para enmascarar ou ocultar operacións de venda xera un importante nivel de incumprimento tributario e economía mergullada. Aínda que a Axencia Tributaria esfórzase en regularizar estes comportamentos, xorde agora a posibilidade de buscar unha solución máis global ao problema, no marco dun futuro plan de control e información que permita restrinxir ao máximo as vendas non declaradas.