Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria lanza un novo sistema de xestión do IVE baseado na información en tempo real das transaccións comerciais

Sistema `SII´

  • Despois de cada facturación, os contribuíntes deberán enviar á Axencia Tributaria nun máximo de catro días hábiles o detalle das facturas emitidas e recibidas 
  • Só será obrigatorio para un colectivo de 62.000 contribuíntes, formado por grandes empresas, grupos de IVE e inscritos no réxime de devolución mensual 
  • Terán para as súas autoliquidacións dez días máis de prazo e non presentarán os modelos 340 (libros rexistro), 347 (operacións con terceiros) e 390 (resumo anual) 
  • Coa información recibida e a que conste na base de datos, a AEAT elaborará os datos fiscais do contribuínte, para os efectos do IVE, facilitando a declaración do imposto

 

20 de outubro de 2014.- A Axencia Tributaria lanzou unha estratexia de modernización na xestión do Imposto sobre o Valor Engadido que permitirá axilizar as devolucións, proporcionar ao contribuínte os datos fiscais para a súa declaración e practicar as actuacións de comprobación de maneira máis áxil e efectiva, todo iso grazas ao coñecemento practicamente en tempo real que terá a Axencia das transaccións comerciais en que participen adscrítosos ao sistema.

O novo sistema de Subministración Inmediata de Información (SII) entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2017, de maneira que exista marxe temporal suficiente para introducir os necesarios cambios normativos, adaptar os sistemas informáticos da Axencia Tributaria e facilitar a adecuación dos contribuíntes. Unicamente será obrigatorio para un colectivo duns 62.000 contribuíntes, formado por grandes empresas, grupos societarios para os efectos de IVE e inscritos no réxime de devolución mensual do imposto (‘Redeme’); colectivo que, porén, representa o 80% da facturación total dos suxeitos pasivos de IVE en España. O resto poderán acollerse voluntariamente e, se o desexan, renunciar ao sistema ao final de cada ano.

 

Un modelo de información instantánea

O cambio exposto consiste en establecer a obriga de remitir o detalle de rexistro das facturas (non as facturas propiamente ditas) que deben facerse constar nos ‘libros rexistro’. Estes envíos á Axencia Tributaria implicarán levar os libros rexistro de IVE a través da páxina web da Axencia (sede.agenciatributaria.gob.es ), onde eses libros iranse formando con cada un dos envíos do detalle das operacións realizadas.

A información que hai que remitir incluirá os elementos esenciais da factura expedida ou recibida e, no caso do rexistro das facturas recibidas, a cota deducible. Paralelamente, eliminarase a posibilidade de realizar asentos resumos (incluso no caso de tíckets) coa finalidade de facilitar o automatismo no envío dos rexistros de facturación e, pola súa parte, mellorar as ferramentas de control e a detección do denominado ‘software de dobre uso’ (programas informáticos que permiten a ocultación de vendas).

Para realizar o envío da información á Axencia Tributaria, os contribuíntes adscritos ao sistema disporán dun prazo máximo de catro días desde o momento en que emitan ou reciban unha factura. En calquera momento, accedendo á web da Axencia o contribuínte poderá consultar tanto a información remitida por el mesmo, como aquela imputada a través de información de terceiros que tamén facilitasen os rexistros de forma electrónica.


Datos fiscais de IVE

Seguindo un esquema similar ao tradicional no IRPF, o novo sistema permitirá á Axencia Tributaria crear uns datos fiscais que poderá utilizar o contribuínte á hora de presentar a súa declaración de IVE.

Ademais, e co obxectivo de que o suxeito pasivo poida verificar o detalle das operacións que se lle imputan e utilizar esta información de contraste na elaboración da súa declaración, amplíase o prazo de presentación das autoliquidacións periódicas ata os primeiros trinta días naturais do mes seguinte ao correspondente período de liquidación mensual ou trimestral, segundo proceda, ou ata o final do mes de febreiro, no caso da liquidación mensual de xaneiro.

 

Vantaxes do sistema

- Facilítase o cumprimento voluntario: na sede electrónica da AEAT o contribuínte disporá dun libro rexistro “declarado” e outro “contrastado” coa información procedente de terceiros que pertenzan ao colectivo deste sistema ou da propia base de datos da AEAT. Estes datos fiscais serán unha útil ferramenta de asistencia na elaboración da declaración, reducindo erros e permitindo unha simplificación e unha maior seguridade xurídica.

- Redución de cargas indirectas: redúcense as obrigas formais, ao suprimirse a obriga de presentación das declaracións informativas correspondentes aos modelos 347 (información de terceiros), 340 (operacións en libros rexistro) e 390 (resumo anual do IVE).

- Maior prazo para as liquidacións de IVE: amplíase en dez días o prazo de presentación das autoliquidacións periódicas.

- Comprobación máis selectiva e rápida: ao obter a información das operacións practicamente en tempo real, a Axencia Tributaria poderá anticipar a comprobación, axilizando, polo tanto, o control e as devolucións do imposto. Está axilización será máis acentuada cando o cliente e o provedor pertenzan ao colectivo deste sistema, xa que a información das operacións entre ambos os dous nacerá xa cruzada. Por outra banda, a dispoñibilidade da información completa dos tíckets permitirá controlar a facturación realizada a través de caixas rexistradoras.