Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria adianta ao inicio da Campaña de Renda a recepción de declaracións co programa PAI

Aprobada a Orde Ministerial da Declaración de Renda 2014

 

  • Os contribuíntes que utilizan o programa PAI poderán presentar a declaración dende o inicio da campaña, o 7 de abril, o que acelerará as súas devolucións
  • O prazo de presentación abranguerá ata o 25 de xuño para os pagamentos con domiciliación bancaria e ata o 30 de xuño no resto de supostos
  • Ábrese a posibilidade de compensar na Declaración do IRPF rendas negativas por débeda subordinada ou preferentes con calquera renda positiva do aforro

 

19 de marzo de 2015.- A Axencia Tributaria abrirá o próximo 7 de abril o  prazo de presentación telemática da Campaña de Renda e Patrimonio 2014, segundo recolle a Orde Ministerial que aproba os modelos de declaración de ambos os dous impostos e que se publica hoxe no Boletín Oficial do Estado.

A Orde establece unha única data para o inicio da campaña, tanto para a presentación de borradores de IRPF, como de declaracións presentadas co programa de axuda PAI e equivalentes.

Esta unificación de datas implica, na práctica, un sensible adianto na recepción de declaracións confeccionadas co PAI e, polo tanto, un adianto tamén no inicio  das devolucións  que lles correspondan a un gran número de contribuíntes.

O prazo de presentación abranguerá ata o 25 de xuño para o caso de declaracións con resultado a ingresar nas que o pagamento se efectúe por domiciliación bancaria, e ata o 30 de xuño no resto de supostos a ingresar e en todos os supostos con resultado a devolver.A campaña presencial, con asistencia en oficinas, comezará o 11 de maio.


Débeda subordinada e preferentes.

A principal novidade do IRPF correspondente ao exercicio 2014 que se reflicte no modelo de declaración aprobado pola Orde ten por obxecto permitir aos titulares de débeda subordinada e obrigas preferentes unha maior capacidade para compensar rendas negativas e positivas, de acordo co establecido no Real Decreto-lei 8/2014, de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Na próxima Declaración de Renda, as rendas negativas derivadas destes instrumentos financeiros (ou de valores recibidos a cambio deles) que se xerasen entre 2010 e 2014 poderanse compensar, non só con rendementos do capital mobiliario positivos, como sucedía ata agora, senón tamén con ganancias patrimoniais e con rendas positivas incluídas na base xeral que procedan da transmisión  de elementos patrimoniais.

Con iso, preténdense abranguer situacións xeradas no pasado como a que afecta a un gran número de contribuíntes, antigos titulares de participacións preferentes e débeda subordinada, que deben tributar pola ganancia obtida pola venda de accións entregadas a cambio dos devanditos títulos, a pesar de sufrir unha perda como consecuencia da compra forzosa destes.A introdución dun trato especial para os afectados por esta problemática supón un avance en termos de xustiza e cohesión social.