Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria intensificará as súas actuacións para aflorar actividade mergullada

Plan de Control Tributario 2015

 

  • Realizaranse comprobacións coordinadas a nivel nacional en establecementos con vendas ao consumidor final que poden utilizar técnicas de ocultación da súa actividade
  • O plan de actuación sobre a economía dixital permitirá rastrexar máis de 200.000 dominios para incorporar información relevante á base de datos da AEAT
  • No ámbito internacional, reforzarase a vixilancia sobre estruturas e sociedades que erosionan artificialmente a base impoñible española e sobre non-residentes que realizan actividade económica esporádica en España
  • Intensificaranse as investigacións da Área de Recadación sobre movementos financeiros e conxugarase unha xestión máis áxil das débedas en procesos concursais coa potenciación da viabilidade das empresas

 

11 de marzo de 2015.- A Axencia Tributaria reforzará este ano as súas actuacións de control co obxectivo de aflorar unha actividade non declarada que xera competencia desleal, prexudicando ás empresas e particulares que si cumpren correctamente coas súas obrigas tributarias.

Estas actuacións, xunto a unha intensificación daquelas a realizar sobre a economía somerxida en colaboración coa Inspección de Traballo, a captación en internet de información tributaria relevante para os labores de control e a investigación de patrimonios no exterior a partir da información que ofrece a declaración de bens e dereitos no estranxeiro, marcarán o Plan de Control Tributario 2015, cuxas directrices publica hoxe o Boletín Oficial do Estado.

Realizaranse actuacións dirixidas ao afloramento de actividades e rendas ocultas.Entre outros colectivos, actuarase en relación con particulares que ceden total ou parcialmente vivendas por internet ou outras vías, así como sobre aquelas empresas que non cumpren debidamente coas súas obrigas fiscais.Todo iso, ao tempo que se seguirán reforzando as visitas presenciais para a detección de alugueres irregulares non declarados.

Á súa vez, a Axencia Tributaria impulsará tamén as actuacións de control naqueles casos en que aprecie a existencia de riscos significativos de infradeclaración da actividade.

Por outra parte, analizarase moi especialmente a posible utilización de programas informáticos (‘software de dobre uso’) que alteren a facturación real, renumeren tíckets e modifiquen os prezos ou, simplemente, permitan suprimir unha parte da facturación.

 

Prexuízo para a libre competencia

Estes comportamentos considéranse especialmente graves, dado que poñen de manifesto a vontade expresa e deliberada de defraudar a Facenda Pública mediante a infradeclaración de vendas respecto dos niveis reais de facturación, ademais de supoñer unha grave alteración das condicións xerais de competencia.

Para garantir unha maior efectividade da acción inspectora, planificaranse actuacións selectivas coordinadas a nivel nacional ao obxecto de combater técnicas de ocultación da actividade.Especialmente actuarase en relación con contribuíntes que realizan vendas finais ao público polas maiores dificultades de contraste que tradicionalmente tiveron estas actividades.

As actuacións coordinadas complementaranse con comprobacións inspectoras convencionais e verificacións formais en determinados sectores, contribuíndo así á creación de conciencia entre os contribuíntes sobre a necesidade de desbotar estas prácticas.

En 2015, a Axencia Tributaria seguirá potenciando a loita contra a economía somerxida mediante as intervencións presenciais con persoal de auditoría informática que analizará e verificará os programas e arquivos dos equipos electrónicos dos obrigados tributarios.

Igualmente, manteranse actuacións presenciais dirixidas a comprobar a efectividade do cumprimento da limitación de pagamentos en efectivo establecida na lei antifraude de 2012 (Lei 7/2012) e verificarase in situ a situación censual de obrigados tributarios respecto dos que existan indicios de deslocalización, ou de simulación de actividade, para ocultar a verdadeira actividade ou ao verdadeiro titular das rendas.

 

O rastrexo da fraude en internet

Paralelamente, a Axencia Tributaria fará fronte ás novas formas de fraude que se producen en internet, tanto mediante a captación e explotación da información pública dispoñible na rede que permita descubrir actividades ocultas ou bens obxecto dun comercio ilícito, como a través de actuacións de control sobre aqueles fabricantes ou prestadores de servizos que comercialicen os seus bens ou servizos a través de internet para garantir a adecuada tributación en España das rendas xeradas nesa actividade económica.

A captación de información realizarase a través dunha serie de ferramentas informáticas que permitirán ordenar e sistematizar a información.Está previsto cruzar a información de máis de 200.000 dominios para a súa posterior incorporación ás bases de datos da Administración Tributaria.Igualmente, e ao obxecto de valorar, dende o punto de vista tributario, a relevancia económica das páxinas de comercio electrónico, procederase á captación dos indicios de éxito que ofrecen as empresas especializadas en análise e valoración de páxinas web e en redes sociais.

Tamén se utilizará a tecnoloxía das redes sociais para analizar operacións comerciais entre axentes económicos, ao obxecto de identificar patróns de comportamento que se corresponden con actividades defraudadoras (tramas de IVE, uso de homes de palla, etc.),

 

Patrimonios ocultos no estranxeiro

A investigación de patrimonios ocultos no estranxeiro a partir da información achegada polo modelo 720 de declaración de bens e dereitos no exterior será un piar básico para a busca de patrimonios deslocalizados.Xa se encontran en fase de investigación máis de 7.000 contribuíntes sobre os cales a Axencia Tributaria conta con indicios de que, ou ben deberon presentar o modelo 720 e non o fixeron, ou ben non declararon o seu patrimonio exterior correctamente.

Este amplo plan de inspeccións virá acompañado da implantación, no prazo máis curto posible, do intercambio automático de contas financeiras a través do Estándar Común de Información acordado por España e medio centenar máis de xurisdicións fiscais o pasado mes de outubro.

 

Fiscalidade internacional

No ámbito da fiscalidade internacional, poñerase atención preferente a contribuíntes con residencia fiscal en España que se sirvan de instrumentos ou estruturas híbridas (con distinto trato tributario noutro país), para eludir ou minorar o pagamento de impostos á Facenda española.Este reforzo do control complementará as novas medidas incorporadas na reforma do Imposto sobre Sociedades en relación cos híbridos.

Tamén para combater a planificación fiscal abusiva, e no contexto dos traballos desenvolvidos pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (o proxecto BEPS da OCDE), intensificarase o control de pagamentos ao exterior e operacións complexas aos que resulten de aplicación as normas antiabuso, prestando especial atención ás estruturas nas que interveñen “conduit companies” (sociedades interpostas para obter os beneficios dun convenio bilateral).

De igual forma, manteranse os controis sobre operacións e localizacións ficticias de residencia en paraísos fiscais e reforzaranse as actuacións relativas á comprobación de actividades económicas desenvolvidas en España por non-residentes, atendendo especialmente ás situacións de tránsito de residencia (actividade esporádica en España).

Por outra parte, continuarán sendo obxecto de especial control a utilización improcedente de empresas para reducir a tributación de persoas físicas, a análise de signos externos de riqueza, os emisores de facturas irregulares e as tramas de fraude organizada no IVE, ámbito onde se potenciará a detección temperá das organizacións e a detección de esquemas de adquisición masiva e por prezos simbólicos de sociedades sobre as que recaen ou van recaer importantes continxencias fiscais, por parte de persoas ilocalizables.

Tamén se intensificarán as actuacións sobre sectores económicos que, non resultando especialmente afectados polo descenso de actividade derivado da crise económica, continúen presentando declaracións tributarias inconsistentes con indicios que poñan de manifesto uns niveis de facturación ou capacidade económica relevantes.

 

Axilización do control recadatorio complexo

Na área de Recadación reforzarase a investigación dos casos de maior complexidade probatoria en supostos de derivacións de responsabilidade de débedas pendentes, ao obxecto de combater as operacións de baleirado patrimonial de especial calado.Como complemento a esta actuación e á utilización de medidas preventivas para afianzar o cobramento das débedas, reforzaranse as investigacións de movementos financeiros.Igualmente, axilizarase a xestión das débedas en fase de embargo e daquelas afectadas por procesos concursais, potenciando, ao mesmo tempo, a viabilidade das empresas por todas as vías legalmente previstas.

 

No ámbito penal, impulsaranse as accións a interpoñer por presunta comisión de delitos de insolvencia punible, actuacións que se conxugarán cun incremento no control de debedores insolventes para a detección de posibles solvencias sobrevidas e a participación destes debedores en novas sociedades mercantís.

En materia de control de Alfándegas e Impostos Especiais, seguirán tendo especial relevancia as actuacións para a detección do contrabando de tabaco, non só mediante os controis tradicionais de toda a cadea de fabricación, distribución, loxística e comercialización, senón tamén mediante a detección de novas técnicas de produción ou introdución en España.

Igualmente, reforzaranse os controis nos recintos aduaneiros de viaxeiros e mercadorías procedentes de áreas de menor tributación, mediante a utilización de técnicas de análise de riscos, ou a utilización da inspección non intrusiva para a detección de mercadoría de contrabando, ou incorrectamente declarada, por medio de escáneres de colectores, de vehículos ou de paquetería.