Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria obtén dende 2012 máis de 37.600 millóns de euros pola loita contra a fraude

Comparecencia no Congreso

 

  • Os resultados de control tributario melloran un 13,5% ata alcanzar os 2.889 millóns de euros no mellor primeiro trimestre da serie histórica
  • Os bens e dereitos no estranxeiro declarados por primeira vez no modelo 720 suman máis de 124.000 millóns de euros tras incorporarse patrimonios por 14.300 millóns en 2015
  • A Axencia Tributaria concluíu xa 110 expedientes de comprobación en relación coa Declaración Tributaria Especial, cun importe liquidado de 16 millóns de euros
  • A ONIF prepara xa as comprobacións a partir do listado de presentadores da DTE que retornou á Axencia tras a súa análise por parte do Sepblac

  

21 de abril de 2015.- O director xeral da Axencia Tributaria, Santiago Menéndez, avanzou, hoxe no Congreso dos Deputados, un crecemento do 13,5% nos resultados de control da Axencia durante o primeiro trimestre de 2015, ata alcanzar os 2.889 millóns de euros, co que xa suman 37.674 millóns de euros os resultados obtidos dende o ano 2012.

O importe recadado entre xaneiro e marzo supón “o mellor resultado” da Axencia Tributaria nun primeiro trimestre de toda a serie histórica, subliñou Menéndez durante a súa comparecencia na Comisión de Facenda e Administracións Públicas do Congreso, e mantén a “positiva evolución” coa que se pechou 2014, cando se obtiveron 12.318 millóns de euros como consecuencia do labor de prevención da fraude que realiza a Axencia.

O director da Axencia Tributaria subliñou a relevancia destes resultados nun contexto de dificultades de liquidez na economía e dunha paulatina redución do equipo da Axencia que xa se está a emendar coas últimas ofertas de emprego público ordinarias e extraordinarias convocadas para o impulso da loita contra a fraude fiscal e que, na correspondente a 2015, se traduce no acceso de 484 novos efectivos e 689 prazas de promoción interna.

No marco das súas exposición das actuacións de control que está a levar a cabo a Axencia Tributaria, Menéndez destacou igualmente o importante incremento en 2014 daquelas que implican comprobacións presenciais nos domicilios ou sedes dos contribuíntes.

Así, en 2014 realizáronse 1.822 entradas e rexistros, o que supón un incremento do 40% con respecto ás efectuadas en 2013.Delas, destaca o aumento do 120% nas entradas realizadas por Vixilancia Aduaneira en apoio aos órganos de Inspección e da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF), que sumaron un total de 88 o pasado ano.



Liquidados 16 millóns tras analizar a información da DTE

Menéndez tamén ofreceu un avance das actuacións que a Axencia vén realizando en relación coa información derivada da presentación do modelo 750 de Declaración Tributaria Especial (DTE).

Como se anunciou o pasado mes de febreiro, a Axencia iniciou en 2013 unha primeira fase de control para a detección, tanto de rendas non afloradas no 750, como de titulares reais de bens declarados que se tivesen podido ocultar detrás dos presentadores formais da DTE.

A raíz desa análise, que afecta 364 expedientes sobre preto de 300 contribuíntes, polo momento a Axencia Tributaria concluíu actuacións sobre 110 expedientes, cun importe global de débeda liquidada pola AEAT superior aos 16 millóns de euros.

Paralelamente, a Axencia Tributaria conta xa coa información de retorno do Servizo Executivo de Prevención e Branqueo de Capitais (Sepblac) en relación co listado de presentadores da DTE que, de acordo coas análises realizadas pola Axencia, presentan indicios de ter podido cometer branqueo de capitais.

O listado, finalmente formado por un total de 715 contribuíntes, volve así á Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) para continuar coas actuacións que correspondan en cada suposto concreto.



Máis de 124.000 millóns no estranxeiro declarados por primeira vez

A Axencia continúa mentres coa análise dos máis de 7.000 contribuíntes preseleccionados para comprobación inspectora por non presentar o modelo 720 de declaración de bens e dereitos situados no estranxeiro –debendo facelo, de acordo coa información que ten a Axencia–, ou ben por efectuar a declaración de xeito incorrecto, tanto por presentación fóra de prazo como por obviar a presentación en 2013 de bens e dereitos que posuían entón, pero non declararon ata o ano 2014.

Mentres tanto, novos bens e dereitos seguen engrosando a información incorporada no modelo 720.Así, no ano 2015, terceiro no que é obrigatoria a presentación desta declaración, un total de 14.324 millóns de euros foron declarados por primeira vez, por parte de 27.576 contribuíntes.

Estes patrimonios declarados por primeira vez no modelo 720 súmanse aos máis de 89.000 millóns incorporados por 135.000 contribuíntes na presentación de 2013 e aos máis de 20.700 millóns incorporados por 32.500 contribuíntes na declaración presentada en 2014.

Desta forma, nas declaracións dos tres anos acumuláronse bens e dereitos no estranxeiro por un importe global de máis de 124.000 millóns de euros que pasarán a quedar integrados nas bases de datos da Axencia Tributaria para futuras comprobacións.Información que ata 2012 non estaba dispoñible.



Control de inmobles de alto valor

Máis alá dos resultados que ofreza a análise dos máis de 7.000 contribuíntes seleccionados para comprobación en relación co modelo 720, a Axencia Tributaria xa utilizou a información que ofrecía este modelo nos seus controis extensivos durante 2013 e 2014.

Así, no primeiro ano no que dispuxo desta valiosa información sobre patrimonio exterior, a Axencia Tributaria seleccionou un total de 550 contribuíntes que non declararan as imputacións inmobiliarias correspondentes a unha serie de inmobles de moi alto valor que si incluíran no modelo 720.Como resultado daquelas actuacións, practicouse liquidación a 121 contribuíntes, por un importe, incluíndo sancións e xuros de mora, de case 2 millóns de euros.

Ao mesmo tempo, e co obxectivo de utilizar ao máximo a información dispoñible, tamén promovendo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias, a Axencia Tributaria lanzou nas dúas últimas campañas de Renda decenas de miles de mensaxes de aviso, a través do documento de datos fiscais, para recordar aos contribuíntes que incorporaran bens ao modelo 720, que debían declarar no seu IRPF as rendas procedentes dos devanditos bens.