Saltar ao contido principal

A lista de debedores de máis dun millón de euros con Facenda publicarase na sede electrónica da Axencia Tributaria

 

  • O listado comprenderá ao redor de 5.000 contribuíntes.De acordo coa Lei Xeral Tributaria, identificarase completamente o contribuínte, ben sexa persoa física ou xurídica, co seu nome, apelidos, NIF e razón ou denominación social completa
  • Unha orde ministerial desenvolverá a emisión das comunicacións aos afectados que se prevé poida realizarse a partir do 20 de outubro
  • A publicación da lista efectuarase en decembro, unha vez que se realice a notificación e transcorra o prazo de alegacións

 


9 de outubro de 2015.- A primeira lista pública de debedores coa Administración Tributaria comprenderá ao redor de 5.000 contribuíntes.De acordo co desenvolvido no artigo 95 da reforma da Lei Xeral Tributaria, identificarase completamente o contribuínte, ben sexa persoa física ou xurídica, co seu nome, apelidos, NIF, razón ou denominación social completa.


Incluirase o importe conxunto das débedas e sancións superiores a un millón de euros do contribuínte, pendentes de pagamento a 31 de xullo de 2015, e que non estean aprazadas ou suspendidas por calquera motivo legalmente previsto.


Unha orde ministerial que será publicada en breve, fixará a data de publicación e demais aspectos.A emisión das comunicacións de inclusión no listado aos debedores estímase que podería realizarse a partir do 20 de outubro.


En canto á práctica da notificación destas comunicacións, débese ter en conta que, arredor do 80% dos debedores están incluídos no sistema de Notificación Electrónica Obrigatoria a través do enderezo electrónico habilitado.O outro 20% notificarase por axente, sendo previsible que estean notificados a finais da primeira semana de novembro, posto que abonda un único intento de notificación, segundo estipula a lei.



Prazo de alegacións


Os contribuíntes afectados terán un prazo para realizar alegacións de 10 días hábiles, segundo estipula a lei.As alegacións só servirán para corrixir erros materiais se os houber pero non para realizar o pagamento da débeda e evitar con iso a publicación na lista. 


Unha vez revisadas as alegacións formuladas, a lista será publicada en decembro na páxina da sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria.