Saltar ao contido principal

Macrooperación da Axencia Tributaria contra as vendas en negro no Mercado Central do Peixe de Barcelona

Operación ‘White’

 

  • Máis dun centenar de funcionarios da AEAT, coa colaboración dos Mossos d ’Esquadra, rexistran 23 postos e 10 oficinas pertencentes a unha vintena de sociedades comerciantes por xunto que operan na Mercabarna
  • As sociedades inspeccionadas declaraban unha facturación anual superior aos 300 millóns de euros e poderían estar ocultando máis do 30 %das súas vendas reais
  • De acordo coas investigacións previas realizadas, as sociedades dispuñan dun sistema informático que permitía seleccionar a vontade as vendas que decidían ocultar na súa contabilidade e nas declaracións tributarias

 

10 de marzo de 2015.- A Axencia Tributaria iniciou esta mañá unha operación de grande importancia contra as vendas en negro no Mercado Central do Peixe de Barcelona. A operación, denominada ‘White’, implica o inicio de actuacións inspectoras sobre un total de 20 sociedades dedicadas ao comercio por xunto de peixe e que operan na Mercabarna.

No marco destas actuacións procedeuse ao rexistro de 23 postos e 10 sedes de oficinas pertencentes ás sociedades inspeccionadas, no marco dun operativo para o que se despregaron máis dun centenar de funcionarios da Axencia, que contou coa colaboración dos Mossos d ’Esquadra na preparación e realización do dispositivo de entrada e rexistro nos postos e sociedades investigadas.

Paralelamente ás actuacións nos postos de venda e oficinas das sociedades, a Axencia iniciou actuacións inspectoras sobre sete persoas físicas vinculadas a algunhas das sociedades.

De acordo coas investigacións previas que iniciou a Axencia Tributaria a mediados de 2014, as sociedades inspeccionadas estarían en posesión dun sistema informático que permitía ocultar deliberadamente, e a vontade, un importante volume da súa facturación.

Os datos sobre vendas introducíanse no servidor informático de cada unha das sociedades a través de pantallas táctiles situadas nos postos. O sistema utilizado polas sociedades inspeccionadas identificaba cunha serie de códigos concretos aquelas vendas que se ocultaban na contabilidade e nas correspondentes declaracións tributarias das empresas.

 

Unha anómala marxe de beneficio do 1,5 %

As sociedades inspeccionadas declaraban unha facturación conxunta de máis de 300 millóns de euros anuais, pero as estimacións previas derivadas da investigación permiten inferir que a facturación oculta podería supor máis dun 30 %de vendas adicionais ás efectivamente declaradas. As sociedades contaban cunhas marxes netas de beneficios sobre o volume de vendas anormalmente baixos, que en raras ocasións superaban o 1,5%.

Por outra banda, diversos indicios permiten afirmar que era habitual o manexo de grandes cantidades en efectivo por parte dos responsables das sociedades afectadas por esta investigación e a insuficiente documentación dos xustificantes de venda que os maioristas ofrecían nas súas operacións con clientes.

Durante a fase previa de investigación, a Axencia Tributaria xa puido comprobar que nalgúns deses xustificantes incluíanse os códigos especiais incorporados ás vendas que non ían ser contabilizadas.

No dispositivo despregado participaron un total de 106 funcionarios da Axencia Tributaria, coordinados pola Dependencia Rexional de Inspección da AEAT de Cataluña e do seu Equipo de Auditoría Informática, e contou coa colaboración de persoal da Oficina Nacional de Investigación da Fraude (ONIF) e das Delegacións Especiais da AEAT de Valencia e Aragón.

As actuacións de entrada e rexistro, para as que se contou con autorización xudicial, son de carácter administrativo, polo que non se produciron detencións.