Saltar ao contido principal

Menéndez anuncia que a Axencia Tributaria prevé pechar 2015 con 13.500 millóns de euros de resultados por loita contra a fraude

Comparecencia do director xeral da AEAT no Senado

 

  • A Axencia Tributaria superaría así en 1.200 millóns de euros os resultados obtidos o ano pasado, que foron os maiores da súa historia
  • Menéndez lembrou que desde 2012 ata xuño de 2015, a Axencia recadou máis de 40.000 millóns de euros polos seus labores de control
  • O director da Axencia Tributaria subliña a importancia do patrimonio no exterior identificado a partir do modelo 720, máis de 126.300 millóns de euros, para os efectos de comprobacións presentes e futuras

 

25 de setembro de 2015.- O director xeral da Axencia Tributaria, Santiago Menéndez, anunciou hoxe no Senado que os resultados da loita contra a fraude poderán acadar, a peche de 2015, a cifra de 13.500 millóns de euros, o que suporía superar en case 1.200 millóns os resultados obtidos o pasado ano, que foron, lembrou, “os maiores da historia da Axencia ”.

Durante a súa comparecencia na Comisión de Orzamentos da Cámara Alta, Menéndez destacou que esta previsión de resultados chega despois de que, no primeiro semestre do ano, a Axencia Tributaria obtivese 6.611 millóns de euros polos seus labores de control, máis que en todo o ano 2006, totalizando desde 2012 máis de 40.000 millóns de euros ingresados pola loita contra a fraude.

Para obter estes resultados, explicou Menéndez, foron “moi relevantes” as medidas introducidas na lei antifraude de 2012, entre as que destacou a limitación de uso de efectivo e a nova información tributaria de que dispón a Administración grazas á declaración anual sobre bens e dereitos no exterior.


O efecto do modelo 720

Neste sentido, o director da Axencia Tributaria lembrou que a información do modelo 720 permite á Axencia ter identificado un patrimonio no exterior dos contribuíntes que supera os 126.300 millóns de euros. Trátase, apuntou Menéndez, dunha información que “segue nutrindo” a base de datos da Axencia Tributaria, para os efectos de comprobacións presentes e futuras.

Así, o director da Axencia sinalou que esta información permite “ensanchar” as bases impoñibles dos impostos, xa que a presentación do modelo 720 induce tamén á correcta tributación no Imposto sobre o Patrimonio e no IRPF. Igualmente, permite afianzar o cobramento de débedas tributarias. Menéndez apuntou que a información que obra nas bases de datos da Axencia, incluíndo a información obtida a través do modelo 720, permitiu a realización de máis de 1.600 requirimentos a terceiros países desde 2013 ata a primeira metade de 2015.


A loita contra a economía mergullada

Durante a súa intervención no Senado, Menéndez remarcou tamén a “intensificación” das actuacións para a loita contra a economía mergullada que vén desenvolvendo a Axencia Tributaria e, en particular, daquelas intervencións realizadas por comparecencia nas sedes onde se realiza a actividade económica dos contribuíntes. Así, no primeiro semestre de 2015, a Axencia realizou  máis de 1.100 actuacións de entrada e rexistro, unha cifra “especialmente  significativa”, apuntou, tendo en conta que en todo o pasado ano realizáronse 1.800 actuacións destas características.

Neste tipo de actuacións obsérvase que, ademais do descubrimento de vendas non declaradas, prodúcese unha maior difusión do labor da Inspección, subliñou o director da Axencia, “inducindo ao cumprimento voluntario” de sociedades que operan no mesmo ou noutros sectores de actividade económica.


Colaboración coa xustiza

Menéndez remarcou tamén a “excepcional e crecente” colaboración da Axencia Tributaria cos órganos xudiciais. A peche de xuño, a Axencia mantén a máis de 1.400 funcionarios dedicados, a instancia dos xuíces, tribunais e órganos do Ministerio Fiscal, a tarefas de auxilio xudicial e peritaxe, fronte aos 900 funcionarios que dedicaba a estes labores no ano 2010.

Ponse así de manifesto o incremento progresivo de efectivos que a Axencia Tributaria dedica a estes traballos, que poden prolongarse durante longos períodos de tempo, indicou Menéndez, quen destacou, igualmente, a relevancia do volume de información cedida pola Axencia aos órganos xudiciais. Durante o pasado ano, a  Axencia Tributaria tramitou máis de 18.000 solicitudes que afectaban a máis de 34.000 contribuíntes en distintos períodos impositivos.


Contexto económico e eficacia da Axencia

O director da Axencia Tributaria dedicou tamén parte da súa intervención a sinalar o contexto económico en que se presentan os Orzamentos Xerais do Estado para 2016. Menéndez apuntou que a evolución dos grandes indicadores macroeconómicos tivo o seu reflexo na recuperación dos ingresos públicos, cun crecemento da recadación do 5,2 %ata agosto, en termos homoxéneos.

Esta recuperación dos ingresos permitiu, pola súa parte, aprobar a reforma tributaria, que xa “puxo en mans dos contribuíntes ”3.000 millóns de euros, lembrou o director da Axencia, aumentando a renda dispoñible das familias, fomentando o aforro e o investimento e mellorando a competitividade das empresas; e dando así un impulso adicional ao crecemento económico.

Neste escenario, lembrou Menéndez, a Axencia Tributaria contará con 1.400 millóns de euros para realizar a súa actividade en 2016. “Estou convencido”, remarcou, de que o orzamento da Axencia para o ano próximo “permitirá afrontar con éxito o cumprimento da misión que a Axencia Tributaria ten encomendada”, seguindo uns principios de actuación baseados na optimización dos medios humanos e materiais dispoñibles, e na racionalización e perfeccionamento da organización e os métodos de traballo. Todo iso, subliñou o director da Axencia, “redundará nunha mellora da súa eficacia e eficiencia, contribuíndo a impulsar o crecemento económico e a mellora da competitividade ”.