Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria pon en marcha 'DIVA', o novo sistema electrónico para a devolución do IVE a viaxeiros

Axilización de trámites no ‘Tax free’

  • Un total de 14 aeroportos españois, os principais pasos aduaneiros terrestres e varios portos contarán con sistemas de validación electrónica para facilitar o selado de documentos aos viaxeiros que teñan dereito ao reembolso do IVE
  • Os viaxeiros que residan fóra da Unión Europea poderán solicitar nos comercios habilitados, ou a través de entidades colaboradoras, o formulario ‘DIVA’ para o reintegro do imposto

 

10  de  novembro de 2016.- A Axencia Tributaria puxo en marcha un novo sistema electrónico para facilitar a devolución do IVE a viaxeiros (‘tax free’) que non sexan residentes na Unión Europea. O novo procedemento, denominada ‘DIVA’, permitirá ao viaxeiro axilizar os trámites do selado de documentos que se requiren para o reembolso do imposto á saída do territorio de aplicación do IVE. Ademais, os comercios que utilicen o sistema gañarán en seguridade e rastreabilidade, xa que a documentación se incorporará directamente á base de datos da Administración Tributaria. Entre xaneiro e setembro de 2016, máis de 10,7 millóns de turistas extracomunitarios visitaron España.

O proxecto ‘DIVA’ nace con motivo da elaboración do Plan Nacional de Turismo de Compras, aprobado polo Goberno en novembro de 2014. Neste contexto, a Axencia Tributaria propón, en liña cos sistemas xa en funcionamento ou en estudo noutros países europeos, unha mellora no procedemento de devolución do IVE nas compras efectuadas polos viaxeiros.

Tras un primeiro proxecto piloto desenvolvido no aeroporto de Barajas (Madrid) e concluído con éxito o pasado mes de agosto, a finais do presente mes de novembro serán xa 14 os aeroportos españois que contarán con máquinas automáticas ou dispositivos lectores para a validación electrónica do formulario web (‘formulario DIVA ’) que permitirá o reintegro do imposto sen necesidade de utilizar a vía tradicional do selado manual das facturas de compra na Aduana.

Así, contarán con estes dispositivos os aeroportos de Madrid (xa en funcionamento), Barcelona, Valencia, Sevilla, Palma, Bilbao, Málaga, Alacant, Eivissa, Maó, Castellón, Girona, Asturias e Santander. No mesmo horizonte temporal está prevista a incorporación destes dispositivos noutros puntos clave para o tránsito de viaxeiros, como son os portos de Alxeciras, Málaga, Alacant e Tarifa, e os pasos aduaneiros terrestres da Liña da Concepción e a Farga de Moles (Lleida).

 

Implantación gradual

A implantación da DIVA será gradual, a medida que se vaian incorporando o sistema os comercios e os distintos operadores de ‘tax free’ autorizados pola Axencia Tributaria para xestionar o reembolso do IVE. Para difundir o novo modelo de devolución do imposto e as súas vantaxes, o pasado 8 de novembro a Axencia Tributaria, en colaboración coa Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, celebrou unha xornada divulgativa con asistencia de máis de 40 empresas e diversos representantes do sector público.

Durante as xornadas, a directora do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria, Pilar Jurado, animou o sector do comercio a sumarse con celeridade ao novo sistema. Pola súa parte, o secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz, considerou “completamente imprescindible” unha iniciativa que, dixo, lanzouse “no momento óptimo e con gran éxito”.
 

Como funciona o sistema DIVA?

Os viaxeiros non residentes no territorio de aplicación do IVE teñen dereito á devolución do imposto pago no momento da adquisición de bens se se cumpren unha serie de requisitos. Ata agora, en España este sistema de reembolso, coñecido internacionalmente como ‘tax free’, implicaba necesariamente un selado manual da factura de compra por parte da Aduana cando o viaxeiro presentaba os bens adquiridos antes de abandonar o territorio IVE da Unión Europea. Desta maneira, o viaxeiro podía acreditar a saída efectiva do territorio de aplicación do IVE aos efectos de poder solicitar posteriormente o reembolso ao comercio onde adquirira os bens, ou ás entidades colaboradoras que ofrecen xestionar estas devolucións.

A nova DIVA, que coexistirá co tradicional selado manual das facturas de compra, é un procedemento electrónico ao que poden sumarse voluntariamente os comercios. Con este sistema, o viaxeiro solicitará nas tendas un formulario web (formulario DIVA) que poderá validar electronicamente, para os efectos do reembolso do imposto, nos puntos de selado de cada Aduana. A continuación, xa poderá reclamar a devolución á tenda onde realizou as compras, ou á entidade xestora do ‘tax free’ situada na correspondente zona de embarque.


Máis información sobre o sistema DIVA no seguinte enderezo web:

Devolucións do IVE por compras de viaxeiros (DIVE)

 

Nota: Inclúese Anexo fotográfico con Máquinas automáticas para o selado electrónico do ‘formulario DIVA’ nos terminais T1 e T4 do aeroporto de Madrid - barajas e Folleto en castelán.