Saltar ao contido principal

Os contribuíntes declaran por primeira vez en 2016 máis de 13.700 millóns de euros en bens e dereitos situados no estranxeiro

Cuarto ano de vixencia do ‘modelo 720’

  • Máis de 2.600 millóns foron declarados por primeira vez este ano en contas, máis de 1.000 millóns en inmobles e máis de 10.100 millóns en fondos, accións e seguros
  • Sumando o declarado por primeira vez nos catro anos de vixencia do ‘720’, incorporáronse máis de 24.600 millóns de euros en contas, máis de 12.100 millóns en inmobles e máis de 104.000 millóns en fondos, accións e seguros
  • O total de bens e dereitos declarados, case 141.000 millóns, engrosan a base de datos da Axencia Tributaria para presentes e futuras comprobacións

 

25  de maio de 2016.- Máis de 13.700 millóns de euros sumaron este ano os contribuíntes ao total de patrimonios declarados por primeira vez no modelo 720 de bens e dereitos no estranxeiro. O total incorporado por primeira vez en 2016, cuarto ano en que está en vigor a declaración informativa, analízase en máis de 2.600 millóns declarados por contas bancarias e de crédito, máis de 1.000 millóns por inmobles e máis de 10.100 millóns por fondos (case 5.100 millóns), accións (4.800 millóns) e seguros (250 millóns).

Tras as declaracións presentadas o primeiro ano, os contribuíntes foron actualizando a súa relación de bens e dereitos no estranxeiro nos tres exercicios seguintes, reflectindo, por separado, aqueles patrimonios que afirman declarar por primeira vez nas declaracións presentadas en 2014, 2015 e 2016; aqueles en que concorren as circunstancias para volver declarar (incremento para cada grupo de bens e dereitos superiores a 20.000 euros) e aqueles que foron extinguidos ou revogados.

Desta forma, tras o cuarto ano de presentación do ‘720’, os contribuíntes consignaron como declarados por primeira vez no modelo máis de 140.900 millóns de euros (91.300 millóns o primeiro ano, 20.900 millóns o segundo, máis de 14.900 millóns o terceiro e máis de 13.700 millóns de euros o cuarto ano). Por tipos de bens, declaráronse máis de 24.600 millóns de euros en contas, 12.100 millóns en inmobles  e máis de 104.000 millóns en fondos, seguros e accións.

 

Presentacións extemporáneas

O incremento de control do patrimonio no estranxeiro pola crecente  captación de información tributaria internacional induce a cada vez máis contribuíntes a cumprir a obriga, polo que continúan recibindose declaracións presentadas fóra de prazo para evitar as sancións derivadas do incumprimento.

Así, o importe declarado no modelo 720 correspondente a 2014 (con prazo ordinario de presentación ata final de marzo de 2015) seguiu medrando nos últimos meses. Igual acontece con todos os modelos que hai que presentar en anos anteriores e, de feito, mentres que dentro do prazo ordinario de presentación do primeiro ano (2013) recibíronse 131.411 declaracións, tres anos despois aínda se veñen recibindo declaracións referidas a ese primeiro ‘720’, que xa suman case 136.500.

 

O control do patrimonio no exterior

Toda esta información, para os efectos de comprobacións presentes e futuras, segue nutrindo a base de datos da Axencia Tributaria, que continúa coa análise dos máis de 7.000 contribuíntes preseleccionados para comprobación inspectora por non presentar o modelo 720 debendo facero, de acordo coa información de que dispón a Axencia, ou ben por efectuar a declaración de maneira incorrecta.

Ao mesmo tempo, e co obxectivo de utilizar ao máximo a información dispoñible, tamén promovendo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias, a Axencia Tributaria vén lanzando nas últimas campañas de Renda decenas de miles de mensaxes de aviso, a través do documento de datos fiscais, para lembrar os contribuíntes que incorporaran bens ao modelo 720, que debían declarar no seu IRPF as rendas procedentes dos devanditos bens.

Esta ampliación do control do patrimonio situado no estranxeiro permite ensanchar as bases impoñibles dos impostos, xa que a presentación do modelo 720 induce á correcta tributación no Imposto sobre o Patrimonio e o IRPF.

No pdf incorpórase un cadro con datos relativos ao modelo 720 a data 10 de abril