Saltar ao contido principal

Os contribuíntes teñen máis de 97.700 millóns de euros en bens e dereitos situados no estranxeiro

Evolución do patrimonio neto a partir do ‘modelo 720’

  • A Axencia Tributaria pon en marcha unha nova ferramenta para a análise da información incorporada ao ‘modelo 720’ que permitirá axilizar, sistematizar e reforzar o control de patrimonios e rendas
  • Combinada con métodos de análise de ‘big data’, permite establecer novos criterios de busca de patróns de risco fiscal e a súa extensión a estruturas societarias máis complexas
  • A ferramenta mostra que o saldo neto do patrimonio no exterior declarado no ‘720’ medrou en 6.700 millóns entre 2012 e 2015, e especialmente en contas, fondos e inmobles
  • A necesidade de transparentar titularidades reais que esixía a Declaración Tributaria Especial provoca que o importe das accións declaradas no 720 diminúa sensiblemente e aumenten as contas

 

29  de xullo de 2016.- A Axencia Tributaria puxo en marcha unha nova ferramenta para xestionar a análise da información incorporada polos contribuíntes no ‘modelo 720’ de bens e dereitos no estranxeiro. Esta ferramenta, que permitirá axilizar, sistematizar e reforzar o control de patrimonios e rendas, ofrece a posibilidade de establecer a evolución dos saldos netos do patrimonio no exterior declarado e mostra que, entre 2012 e 2015, o valor dos bens e dereitos declarados no 720, depurados en función das modificacións e cancelacións sobre as que informan os contribuíntes no modelo, medrou en 6.700 millóns de euros, ata superar os 97.700 millóns. O importe total dos bens e dereitos declarados por primeira vez ata agora supera os 141.000 millóns.


O saldo total de 97.700 millóns de 2015 analízase en case 44.000 millóns en valores e dereitos (accións), máis de 20.200 millóns en fondos, máis de 18.300 millóns en contas bancarias e de crédito, 11.600 millóns en inmobles e 3.600 millóns en seguros. Entre 2012, primeiro ano sobre o que era esixible a declaración do 720, e 2015, resulta especialmente notable o transvasamento de importes declarados entre dúas categorías de bens e dereitos: as contas e as accións. Así, mentres o importe das primeiras aumenta en máis de 3.300 millóns de euros, o dos valores redúcese en máis de 2.200 millóns.

Esta evolución está fortemente vinculada coa necesidade de transparentar titularidades que esixía a Declaración Tributaria Especial, de maneira que o verdadeiro titular dos bens e dereitos presentase a DTE e que asumise tamén a titularidade xurídica dos mesmos. Como resultado diso , nos modelos 720 os contribuíntes foron reflectindo a cancelación de participacións en sociedades e estruturas interpostas e a paralela incorporación de patrimonios en contas ao seu nome.

Por outra banda, entre 2012 e 2015 o saldo dos fondos medrou en máis de 3.000 millóns, en 2.200 millóns o importe declarado por inmobles e en 380 millóns o valor dos seguros e rendas vitalicias.

 

Distribución por países e bens 

Atendendo ao reparto por países, en 2015 máis dun terzo do saldo global declarado concentrábase en Suíza (case 20.200 millóns) e Luxemburgo (preto de 13.500 millóns). Por tipos de bens, en accións e contas destaca tamén Suíza (7.400 e 5.900 millóns, respectivamente), onde se percibe especialmente, na comparación 2012-2015, o transvasamento de importes declarados entre ambas as dúas categorías de bens, con redución en valores e aumento conseguinte en contas.

No referente ao resto de categorías de bens e dereitos, nos fondos máis do 70 %do total correspóndese con Luxemburgo (máis de 8.100 millóns) e Suíza (6.300 millóns). Tamén é Luxemburgo o primeiro país no referente ao saldo de seguros (1.300 millóns), mentres que en inmobles os maiores importes están en Francia e o Reino Unido, con preto de 2000 millóns en ambos os dous casos.

Pola súa parte, mentres a evolución dos saldos patrimoniais entre 2012 e 2015 vén marcada, no caso dalgúns países, por operacións societarias concretas e dinámicas xerais de investimento, caso do descenso das accións en Holanda e o aumento dos fondos en Luxemburgo, noutros supostos pódese apreciar o paulatino proceso de afloramento de bases impoñibles como, por exemplo, no feito de que Andorra, Panamá, Liechtenstein e as Bahamas son catro dos cinco países con maior descenso dos saldos globais, por un importe conxunto para os catro territorios de case 2.300 millóns de euros.

 

O control patrimonial a partir do 720

A nova ferramenta que permite dispor dos saldos netos de cada ano declarado no 720 ofrece á Axencia Tributaria a posibilidade de establecer un fío condutor entre as diferentes declaracións do modelo que anualmente se presentan. Isto facilita tanto a determinación de variacións patrimoniais e feitos impoñibles a regularizar, como a análise dunha situación permanentemente actualizada dos bens e dereitos, para os efectos de control recadador.

A conxunción deste instrumento con estratexias e métodos de ‘big data’ permitirá un maior aproveitamento da información dispoñible na base de datos da Axencia e un procesado masivo da información, favorecendo o establecemento de novos criterios de busca de patróns de risco fiscal e a súa extensión a estruturas societarias máis complexas.

Desta forma, a Axencia Tributaria reforza o control de patrimonios a partir do modelo 720 que vén mantendo nos últimos anos, e que xa xerou, máis alá das propias regularizacións que se efectúan, unha sensible mellora no cumprimento voluntario dos declarantes do modelo.

Así, a base impoñible declarada no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas de 2014 polos presentadores de 720 xa era un 9,4% superior á do IRPF 2010, e a súa cota íntegra aumentara un 23,8%, fronte aos descensos rexistrados nas bases e cotas do conxunto dos declarantes de IRPF.

 

Anéxase na Nota de Prensa as seguintes táboas:

Evolución dos saldos patrimoniais delcarados no modelo  (2012-2015) Importes en euros
Saldos patrimoniais declarados no modelo 720 analizados por tipo de ben ou dereito  2012 Importes en euros
Saldos patrimoniais declarados no modelo 720 analizados por tipo de ben ou dereito  2015