Saltar ao contido principal

Xa presentaron a súa declaración dez millóns de contribuíntes de IRPF, 500.000 máis que o ano pasado a falta dun terzo de campaña

Campaña de Renda 2015

  • A Axencia Tributaria devolveu ata agora máis de 4.075 millóns de euros a máis de 6.212.000 contribuíntes
  • Do total de presentacións, máis de 6.000.000 efectuáronse mediante a nova plataforma ‘RENDA WEB’
  • Máis do 75 %das devolucións e o 65% dos importes solicitados xa foron abonados aos contribuíntes
  • Un 88% do total de declaracións presentáronse por Internet, o que supón 30 puntos máis que fai cinco anosos declarados, case 141.000 millóns, engrosan a base de datos da Axencia Tributaria para presentes e futuras comprobacións

 

1  de xuño de 2016.- Máis de 10.062.000 contribuíntes presentaron a súa declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a 2015 (IRPF 2015) hoxe en día, o que supón 543.000 contribuíntes máis que na mesma data do ano pasado. Consolídase así a aceleración das presentacións con respecto ao exercicio anterior cando se completaron xa dous terzos da campaña de declaración.

A data de hoxe a Axencia devolveu xa 4.075 millóns de euros a máis de 6.212.000 contribuíntes, de xeito que máis do 75 %das devolucións solicitadas e o 65% dos importes correspondentes, xa foron abonados, cifras similares ás que se rexistraban por estas datas o ano pasado. O número de devolucións medra un 1,43% con respecto a igual data do ano anterior, mentres que o importe devolto aumenta un 2,45%.

Está previsto que a presente campaña conte con 19.708.000 declaracións. Dese total, 14.673.000 declaracións darán dereito a devolución, por un importe total de 10.858 millóns de euros, e 4.260.000 declaracións sairán con resultado a ingresar, por importe de 7.948 millóns de euros.

O servizo de atención con cita previa manterase ata o 30 de xuño, último día da campaña, pero a vía de presentación por Internet (sede.agenciatributaria.gob.es ) segue a disposición dos contribuíntes que prefiran axilizar as súas xestións sen ter que desprazarse ata as oficinas da Axencia ou entidades colaboradoras.

A vía de Internet segue sendo a utilizada pola maioría de contribuíntes para presentar a súa declaración de IRPF. Nestes momentos, case 8.900.000 declaracións, un 88% do total, presentáronse por Internet, o que supón 30 puntos máis que fai cinco anos a igualdade de datas.


Seis millóns de declaracións presentadas con ‘RENDA WEB’

Dos máis de dez millóns de contribuíntes que presentaron xa a súa declaración, 6.022.000 utilizaron a nova plataforma ‘RENDA WEB’, o que supón un incremento de case o 11% con respecto ás presentacións de borradores por Internet que se realizaran a esta data na campaña do pasado ano.

Fronte a iso, as presentacións co programa ‘PAI’ descenden un 0,9% debido á sensible redución do colectivo de contribuíntes que este ano seguen obrigados a presentar a súa declaración co tradicional programa de axuda que ofrece a Axencia Tributaria, combinado coa aceleración xeral das presentacións que se vén rexistrando.

Destaca tamén a evolución das declaracións a ingresar xa presentadas ata o momento, máis de 1,5 millóns, o que supón un incremento de case o 14% con respecto ás cifras da pasada campaña nas mesmas datas.

Nestes momentos son xa máis de 9.380.000 os contribuíntes que navegaron e xerado os seus borradores e datos fiscais a través de ‘RENDA WEB’, a plataforma única habilitada para unha xestión máis simple e flexible por Internet de todas as declaracións de Renda que non inclúan rendementos de actividades económicas.

RENDA WEB conta cun potencial de usuarios estimados en máis de 15.260.000 declaracións, case o 80% do total, incluíndo tanto a aqueles contribuíntes que o ano pasado podían utilizar o tradicional borrador de IRPF (uns 13,6 millóns), como a máis de 1.660.000 contribuíntes que o ano pasado aínda estaban obrigados a utilizar o ‘PAI’ ou programas de axuda equivalente.

 

Servizo de cita previa

Tanto a presentación de declaracións e borradores con RENDA WEB, como a presentación telemática da declaración a partir do programa PAI ou equivalentes, acelera a devolución e evita o contribuínte os desprazamentos ás plataformas habilitadas pola Axencia Tributaria e as entidades colaboradoras.

En todo caso, para unha asistencia máis personalizada, a Axencia Tributaria pon a disposición do contribuínte as súas oficinas e servizos telefónicos. Ao obxecto de mitigar na medida do posible unha eventual perda de citas en prexuízo do conxunto dos contribuíntes, a Axencia Tributaria quere lembrar os cidadáns que poden modificar a hora e día asignado para a súa cita, ou comunicar á propia Axencia que decidiron non facer uso da mesma. O calendario de citas vaise abrindo progresivamente, polo que se recomenda un uso paulatino do servizo.

 

Quen non están obrigados a declarar

En termos xerais, non están obrigados os contribuíntes con rendas exclusivamente procedentes do traballo ata un importe de 22.000 euros anuais. Porén, este límite redúcese se os rendementos proceden de máis dun pagador (agás excepcións), e tamén cando se perciban pensións compensatorias do cónxuxe ou anualidades por alimentos non exentas, cando o pagador non está obrigado a reter e cando os rendementos están suxeitos a un tipo fixo de retención. En tales casos, este ano o límite amplíase desde os 11.200 ata os 12.000 euros anuais.

Ambos os dous límites seguen sendo válidos para non declarar se o contribuínte conta, no seu lugar, ou ademais, cos seguintes rendementos:

  • Dividendos, intereses e plusvalías sometidas a retención cun  tope conxunto de 1.600 euros.
  • Rendas inmobiliarias imputadas, rendementos íntegros do capital mobiliario non suxeitos a retención derivada de letras do Tesouro e subvencións para a adquisición de vivendas de protección oficial ou de prezo taxado, co límite conxunto de 1.000 euros.

Igual que o ano anterior, tampouco estarán obrigados os contribuíntes que conten con rendementos do traballo, capital e actividades económicas, así como ganancias patrimoniais (subvencións, premios e outras), co límite conxunto de 1.000 euros, canda perdas patrimoniais inferiores a 500 euros.

 

Revisión de datos persoais e económicos

Sempre resulta conveniente revisar a proposta de declaración que ofrece a Axencia Tributaria. Se se obtén a través de RENDA WEB, a información será a máis actualizada posible pero, en todo caso, a Axencia pode non dispor de todos os datos con transcendencia na declaración, datos que talvez o contribuínte deba incorporar ao borrador.

Algúns casos típicos que aconsellan esta revisión son os seguintes:

  • Inmobles e as súas referencias catastrais
  • Circunstancias persoais e familiares (se cambiaron en 2015)
  • Arrendamentos de inmobles
  • Transmisións
  • Achegas a plans de pensións
  • Cotas sindicais
  • Percepcións por subvencións
  • Deducións familiares e por maternidade
  • Dedución por investimento en vivenda habitual
  • Deducións autonómicas

 

Vías de presentación da declaración

Existen varias vías para presentar a declaración, segundo sexa o resultado que hai que devolver ou a ingresar, e se se domicilia ou non o pagamento. Domiciliar o pagamento significa que se pode presentar a declaración da Renda calquera día, ata o 25 de xuño, pero o pagamento non se fará efectivo ata o 30 de xuño, último día da campaña de Renda. A domiciliación non impide fraccionar o pagamento en dous prazos (o segundo, o 7 de novembro).

 

  • Vías non presenciais (sen desprazamento a oficinas), ata o 30 de xuño (25 de xuño se se trata de pagamentos con domiciliación):
    VÍAS DE PRESENTACIÓN  Casos en que se pode utilizar esta vía
    Por Internet

    sede.agenciatributaria.gob.es

    TODOS
    Por teléfono (operador) – limitado por perfil de rendas *–
    901 200 345 (L-V, de 9 a 21 horas)
    A devolver e ingresar (domiciliando o pagamento)
     Por banca electrónica e telefónica A devolver e ingresar
    (sen domiciliar)
     En caixeiros  automáticos de certas entidades A devolver e ingresar
    (sen domiciliar)

    (*) Fundamentalmente, rendementos do traballo, capital mobiliaria, imputacións de rendas inmobiliarias e vendas de fondos de investimento suxeito a retención.

  • Vías presenciais  ata o 30 de xuño (25 de xuño se se domicilia o pagamento, con cargo o 30 de xuño):
    VÍAS DE PRESENTACIÓN  Casos en que se pode utilizar esta vía
    Nas oficinas das entidades financeiras colaboradoras A devolver e ingresar
    (sen domiciliar)
    Nas oficinas da AEAT ou CCAA A devolver e ingresar
    (domiciliando o pagamento)

 

Principais servizos de asistencia e información

  • Internet: sede.agenciatributaria.gob.es

    (ofrece información e xestións sen horarios).

  • Teléfono Asistencia: 901 200 345

    (para xestionar o borrador; de 9 a 21 horas, de luns a venres).

  • Teléfono Renda Información: 901 33 55 33.

    (para resolver dúbidas; de 9 a 19 horas, de luns a venres).

 

No pdf incorpórase  táboas con datos relativos a:

  • Evolución da campaña (Datos a 1 de xuño para IRPF 2015 e IRPF 2014)
  • Devolucións solicitadas e pagas (importes en millóns de euros)
  • Devolucións pagas, número e importe IRPF 2015/2014 (importes en millóns de euros)
  • Borradores – Renda Web presentados
  • Presentacións por Internet