Saltar ao contido principal

Máis do 90 %das empresas que deben incorporarse ao SII comunican xa á AEAT a información en tempo real das súas transaccións comerciais

Balance da posta en marcha da Subministración Inmediata de Información

  • Xa se incorporaron ao sistema máis de 700 millóns de rexistros de facturas de case 50.000 empresas que representan tres cuartas partes da facturación total dos contribuíntes de IVE en España
  • No caso das empresas non exentas e que, polo tanto, liquidan IVE, o 97% das entidades obrigadas xa se incorporou ao SII e, nelas , o grao de coincidencia entre as facturas que recibiron e as súas declaracións de IVE é do 84 %
  • Acollídosos ao SII xa poden chequear na web da Axencia se as súas facturas coinciden co declarado por clientes e provedores, e antes de final de ano tamén poderán revisar se lles falta por informar sobre operacións de que si informaron eses clientes e provedores

20 de outubro de 2017.- Case 50.000 empresas dun total de 54.000 contribuíntes que conforman o censo da Subministración Inmediata de Información do IVE (SII) incorporáronse o sistema, de maneira que máis do 90 %dos obrigados ao SII informan xa á Axencia Tributaria en tempo practicamente real das súas transaccións comerciais con provedores e clientes.

A comezos de outubro, eran xa máis de 700 millóns as facturas expedidas e recibidas sobre as que se remitira información a través do SII por parte dun colectivo de grandes empresas, grupos societarios para os efectos do IVE e entidades inscritas no réxime de devolución mensual do imposto (‘Redeme’) que representa o 75% da facturación total dos contribuíntes de IVE en España, a só cinco puntos porcentuais do obxectivo do 80 %, que se acadará cando se incorpore a totalidade de contribuíntes pertencentes ao censo. O importe global das facturas incorporadas ao SII supera os 630.000 millóns de euros.

A ese censo de obrigados, formado por algo máis de 54.000 contribuíntes, chégase tras a renuncia ao Redeme e ao réxime especial de grupos de IVE de menos de 10.000 contribuíntes que poderán volver beneficiarse das vantaxes de ambos os dous réximes especiais se no futuro deciden incorporarse ao SII , aproveitando así tamén as propias vantaxes deste sistema que permite axilizar devolucións, facilita o cumprimento voluntario dos contribuíntes, reduce cargas indirectas, ofrece un maior prazo para as liquidacións do imposto e dá acceso, se é o caso, a un proceso de comprobación máis rápido e selectivo.

Alta calidade da información

No conxunto de contribuíntes obrigados ao SII encóntranse entidades exentas que, como tales, non teñen obriga de presentar liquidacións de IVE. Exceptuados estes contribuíntes e atendendo, polo tanto, unicamente á parte do censo do SII que liquida IVE, o grao de cumprimento supera o 97% e, destas empresas, nun 84 %dos casos non existe discrepancia algunha entre as facturas recibidas que subministraron a través do SII e as súas propias declaracións de IVE, o que dá mostras da alta fiabilidade da información incorporada ao sistema.

Como consecuencia da posta en marcha do SII aceleráronse xa as devolucións de IVE aos contribuíntes acollidos que non presentaron incidencias. Pola súa parte, remitiuse unha carta informativa aos contribuíntes do censo que non incorporaron a información requirida a través do SII , ou fixérono de maneira moi insuficiente. Estas actuacións polo momento non supoñen o inicio de ningún procedemento sancionador, á espera de que se concrete a modificación regulamentaria que recollerá o procedemento aplicable aos incumprimentos do SII .


Próximas actuacións
 
Nestes momentos, os contribuíntes incluídos no SII xa poden chequear na web da Axencia se as súas facturas coinciden co declarado por clientes e provedores, e antes de final de ano tamén poderán revisar se lles falta por informar sobre operacións de que si informaron eses clientes e provedores.

Máis adiante a AEAT integrará a información declarada polo contribuínte e a recibida dos seus provedores e clientes, e desenvolverá unha ferramenta para incorporar esta información na propia declaración do IVE.

Vantaxes do sistema

  • Facilítase o cumprimento voluntario: na sede electrónica da AEAT o contribuínte dispón dun libro rexistro “declarado” e outro “contrastado” coa información procedente de terceiros incluídos no SII . Esta información permite reducir erros no cumprimento das obrigas formais e na elaboración das propias declaracións.
  • Redución de cargas indirectas: redúcense as obrigas formais, ao suprimirse a obriga de presentación das declaracións informativas correspondentes aos modelos 347 (información de terceiros), 340 (operacións en libros rexistro) e 390 (resumo anual do IVE).
  • Maior prazo para as liquidacións de IVE: amplíase en dez días o prazo de presentación das autoliquidacións periódicas.
  • Mellora na xestión do IVE: a incorporación ao SII permite ás empresas reforzar os seus procesos internos de contabilidade e facturación.
  • Comprobación máis selectiva e rápida: ao obter a información das operacións practicamente en tempo real, a Axencia Tributaria pode anticipar a comprobación, axilizando, polo tanto, o control e as devolucións do imposto. Está axilización será máis acentuada cando o cliente e o provedor pertenzan ao colectivo deste sistema, xa que a información das operacións entre ambos os dous nace xa cruzada.