Saltar ao contido principal

A Axencia Tributaria aborda un mercante con 10 toneladas de haxix

Operación Seifa

  • Detidos o oito tripulantes do mercante ‘ELG’, de bandeira moldava, todos eles de nacionalidade ucraína
  • As autoridades italianas, francesas e turcas colaboraron na investigación
  • A operación enmárcase dentro das actuacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira contra o narcotráfico a través da ‘Ruta do Mediterráneo Oriental’

18 de xuño de 2019.- A Axencia Tributaria interceptou no día de onte un mercante de bandeira moldava que portaba 10 toneladas de haxix. No marco da operación ‘Seifa’, o patrulleiro ‘Abanto’, con base en Cartaxena, e ‘Paíño’, con base en Palma, co apoio dos  medios  aéreos de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, abordaron o mercante ‘ELG’, de 79 metros de eslora, ás 13.00 horas de onte a 98 millas ao sueste de Cartaxena.

Nesta operación foron detidos o oito tripulantes do mercante, de bandeira moldava. Todos os detidos son de nacionalidade ucraína.

A investigación foi desenvolvida polo Área de Vixilancia Aduaneira de Murcia, baixo a coordinación da Subdirección Xeral de Operacións do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria e coa colaboración das autoridades francesas, italianas e turcas, así como do Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO) e do Centro de Coordinación para a Loita Antidroga do Mediterráneo (CECLAD).

A investigación arrinca fai seis meses, cando a Oficina de Intelixencia Marítima de Vixilancia Aduaneira en Murcia comeza a sospeitar deste buque e, a partir dese momento, Vixilancia Aduaneira segue de cerca os movementos do ‘ELG’.

Desta forma, finalmente onte os medios aéreos de Vixilancia Aduaneira detectan o buque abarloado a varias embarcacións semiríxidas e iníciase un seguimento do ‘ELG’, sendo finalmente interceptado na súa fuxida polo patrulleiro Abanto a 98 millas náuticas ao sueste de Cartaxena.

No recoñecemento posterior da embarcación os funcionarios de Vixilancia Aduaneira descobren na adega de proa preto de 350 fardos dos utilizados habitualmente para o tráfico de haxix, cun peso aproximado duns 10.000 quilogramos.

Decontado, o buque ‘ELG’, a súa tripulación e a droga son escoltados polo patrulleiro ‘Abanto’ e ‘Paíño’ ao porto de Cartaxena, onde chegaron esta mañá para a súa posta a disposición da autoridade xudicial.
 
A Ruta do Mediterráneo Oriental para o tráfico de haxix é unha ruta habitual para o transporte de grandes cantidades desta substancia ilícita desde as costas do norte da África próximas ao Estreito de Xibraltar ata o Mediterráneo Oriental, polo que as rutas, as zonas habituais de transbordo e os buques sospeitosos son sometidos a vixilancia por parte de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, e polas autoridades francesas e italianas, de forma coordinada.

Só en 2018 executáronse seis operacións contra esta ruta, interceptando 37.146 quilogramos de resina de haxix. En 2019, o pasado mes de abril, as autoridades italianas interceptaron o veleiro español ‘Luna III’ con 6.000 quilogramos de haxix en augas próximas a Sicilia nunha operación conxunta en que tamén tivo participación Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria. Igualmente, dentro desta mesma ruta, o pasado mes de maio interveuse o veleiro español ‘Ocean Sexa’ cando transportaba 5.000 quilos de haxix, e que finalmente foi trasladado ao porto de Eivissa.